O Eixo Atlántico esixe atender a saída ferroviaria de Vigo cara a Portugal

Pontevedra acolle unha reunión na que se aprobou un orzamento de 4,3 millóns de euros para programas e actividades que dinamicen o uso deste paso fronteirizo

A comisión executiva do Eixo Atlántico, asociación composta por 35 municipios galegos e do norte de Portugal, acordou trasladar ao Goberno español a necesidade de priorizar a saída ferroviaria de Vigo cara a Portugal.

Nunha reunión celebrada este luns en Pontevedra, os dirixentes do organismo avanzaron que manterán este mes unha reunión co secretario xeral de Infraestruturas, alto cargo do Ministerio de Fomento, na que reclamarán que se acometa esta actuación.

A este respecto, sinalaron que recentemente se puxo en marcha a electrificación ferroviaria da Linha do Minho ata Barcelos e a previsión da súa chegada a Viana en xaneiro.

Ademais, tamén pedirán ao Goberno español a súa colaboración para mellorar as conexións interiores por estrada en toda esta área xeográfica, entre elas a autovía A-76 Ponferrada-Ourense e o Corredor Atlántico.

A comisión executiva do Eixo Atlántico, nesta mesma reunión de Pontevedra, aprobou un orzamento de 4,3 millóns de euros para a execución de programas e actividades en 2019

O 75% deste orzamento, que deberá ser ratificado pola asemblea xeral da entidade en febreiro, destinarase ao desenvolvemento de programas, entre eles dos Xogos do Eixo, que se celebrarán en Braga en xullo, ou a feira de turismo Expocidades, tamén en Braga.

Ademais inclúense neste orzamento a Bienal de Pintura, os traballos da Axencia de Ecoloxía, a elaboración de informes e estudos, así como as estratexias que desenvolve en materia de infraestruturas, internacionalización, colaboración con América Latina e acción exterior ou os traballos para a posta en marcha do Plan de Acción da Axenda Urbana.

Ademais, ratificouse a candidatura da cidade de Braga para acoller a Capital da Cultura do Eixo Atlántico en 2020, así como o Seminario de Intercambio de Experiencias no Ámbito da Educación en Barcelos, no segundo trimestre de 2019.

Ao finalizar a reunión, o presidente do Eixo, Alfredo García, e Aires Pereira, presidente de Lipor-Serviço Intermunicipalizado de Gestãou de Residuos do Grande Porto-Aires Pereira, asinaron un protocolo de colaboración co obxectivo de mellorar a xestión dos residuos domésticos nos municipios do EixoAtlántico.

Este protocolo busca axudar ás cidades no cumprimento do obxectivo 2020 para a reciclaxe e reutilización, tanto en España como en Portugal; así como facilitar o acceso o financiamento europeo e aumentar a proxección como grupo de influencia en materia de xestión de residuos na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Comentarios