Elévanse a seis os casos de Covid en Betanzos, que suspende a súa feira

Betanzos. GOOGLEMAPS
photo_camera Betanzos. GOOGLEMAPS

O Concello de Betanzos decidiu este mércores suspender unha das feiras mensuais, a prevista para este xoves, pola detección nas últimas horas de seis contaxiados por coronavirus no municipio. O departamento de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, a través do sistema de vixilancia epidemiolóxica, segue cos estudos de contactos.

"Non se trata de alarmar, senón de ser responsable. Cremos que a situación xerada nas últimas horas fai que teñamos que ser prudentes e responsables. Evitar actividades que poidan xerar a presenza dun importante número de persoas, aínda que se cumpran os parámetros de seguridade, cremos que é o máis apropiado nestes momentos", apunta o goberno local.

O Concello ten coñecemento a través de Sanidade de que seis persoas deron positivo en Covid, catro dunha mesma familia e outros dous veciños que residen na mesma vivenda.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, explicou este mércores que o caso de Betanzos "xurdiu por unha persoa que se fixo o estudo". Fontes consultadas por Europa Press apuntan que algúns dos membros da familia positivos teñen relación estreita con outras dúas persoas procedentes de Lleida, onde se rexistra un brote. 

Ante esta situación, o consistorio considera que deben aplicar a "precaución", aínda que a suspensión da feira supoña "un pau para moitos vendedores" e teña afectación sobre a economía local. A administración local non descarta adoptar outras accións e está á a espera dos datos que faga públicos a autoridade sanitaria.

O executivo local pide que, "tendo en conta da situación", os veciños extremen as medidas de distancia social, de hixiene e de uso de máscaras. "Temos que evitar que se produza un rebrote, xa que logo, desde o goberno local faise un chamamento para respectar as medidas de seguridade. Todos temos responsabilidade niso", indican nas súas redes sociais.

Comentarios