Entregan un can a un veciño de Mondariz que perdeu a súa anterior mascota de forma violenta

É unha iniciativa impulsada polo Seprona coa colaboración do Centro de Acollida CAAN

Entrega de Duque ao veciño de Mondariz. GARDA CIVIL
photo_camera Entrega de Duque ao veciño de Mondariz. GARDA CIVIL

A Garda Civil entregoulle este xoves a un veciño de Mondariz un can adoptado no Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN).

A iniciativa da adopción xurdiu por mor das actuacións realizadas recentemente pola Patrulla do Seprona de Ponteareas ao ter coñecemento da morte violenta, supostamente intencionada, do can que tiña este veciño, que concluíron coa investigación penal do presunto autor por un delito de malos tratos animais. 

A entrega da nova mascota, que tivo lugar nas dependencias do Posto Principal da Garda Civil de Ponteareas, fíxolla o tenente xefe da Sección do Seprona, que estivo acompañado dun compoñente da Patrulla e do veterinario responsable técnico do Centro de Acollida, José Luís Pedreira.

O can, bautizado co nome de Duque, é un mestizo de yorkshire, que a Garda Civil atopou abandonado o pasado 6 de marzo nunha estrada do concello de Valga. 

CASO ESPECIAL. A pesar das distintas intervencións que leva realizado o Seprona na provincia de Pontevedra, con numerosos e distintos casos de malos tratos aos animais, este caso conmoveu especialmente aos axentes ao coñecer, non só as limitacións físicas do propietario do animal, un señor de 77 anos con mobilidade reducida, senón tamén a estreita relación e dependencia que tiña co seu can que, segundo as súas propias palabras, era “o seu motor de vida” e “a súa motivación para moverse”.

Estas circunstancias impulsaron o proxecto que se puxo inmediatamente en marcha polo Seprona, que contou en todo momento coa inestimable colaboración co Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN), para facilitarlle a este veciño de Mondariz un can que, aínda que non substitúe ao anterior, pode suporlle un revulsivo emocional para coñecer a un novo “compañeiro” que lle axudará a reactivar “o seu motor de vida”.

Comentarios