Estafan 600 euros á propietaria dun restaurante de Vigo tras ameazala con cortarlle a luz

O estafador fíxose pasar por un traballador da compañía eléctrica 

A Policía Nacional investiga a estafa á propietaria dun restaurante de Vigo á que ameazaron con cortarlle a luz pola falta de pagamento do último recibo se non realizaba unha transferencia bancaria por importe de 600 euros, ao que aquela accedeu porque nese momento tiña cheo o establecemento.

Fontes policiais detallan que días atrás, durante as vacacións de Semana Santa, alguén que se fixo pasar por traballador dunha compañía eléctrica telefonou ao restaurante e ameazou á súa propietaria con cortarlle inmediatamente a subministración eléctrica, a non ser que ingresase de inmediato a citada cantidade.

A hostaleira acudiu a un caixeiro automático e realizou o pago, e ao contactar coa compañía para trasladarlle que ingresara o diñeiro, informárona de que non tiñan constancia de ningunha incidencia e que posiblemente fora vítima dunha estafa.

A Policía aconsella non realizar ningunha transferencia a un número de conta sen ter confirmación de quen é o titular da mesma.

Así mesmo, recalca que o habitual é que a compañía envíe unha notificación ao cliente e lle dea un prazo determinado para realizar o pago, polo menos de dous meses, e que logo envíe un requirimento, por un medio postal, con información sobre as consecuencias de persistir a falta de pagamento. 

Comentarios