Esther Estévez: "Mentres fago deporte non penso en nada máis"
Esther Estévez (Verín, 1997) é unha das figuras máis destacadas da TVG, coñecida especialmente polo seu labor como presentadora do exitoso programa Dígocho eu, que nos ensina de xeito ameno a mellorar o noso galego.
Alimentación
A súa dieta é equilibrada, pois a comunicadora procura incluír unha boa variedade de alimentos. Porén, confesa que lle "encanta o doce" e come "máis do que debería", admite riseira.
Afeccións
Cando era cativa, Esther mantiña unha relación estreita co deporte. "De pequena era toda unha deportista, movíame sempre moito e cheguei a gañar unha carreira de campo", lembra. Na actualidade, aínda que recoñece ser "algo vaga", procura manterse activa. Asiste ao ximnasio polo menos dúas veces á semana, participando en clases dirixidas para asegurar unha correcta execución dos exercicios. Ademais, cando consegue gañar a batalla á preguiza, gústalle mergullarse nunha piscina e facer natación.
Rutina
A súa rutina laboral, centrada principalmente en tarefas fronte ao ordenador, levou a Esther a buscar formas de contrarrestar o sedentarismo. "Apunteime ao ximnasio para obrigarme a facer deporte porque levo unha vida bastante sedentaria", explica a presentadora Para ela, o exercicio non só é unha cuestión de saúde física, senón tamén mental. "Mentres fago deporte non penso en nada máis", sinala a verinesa.
Retos
A xornalista non se marca grandes metas deportivas nun futuro inmediato. O seu principal obxectivo é manterse saudable e en boa forma. Aínda que lle gustaría mellorar a súa resistencia, asegura que non é algo que a obsesione. Para ela, o máis importante é atopar un equilibrio que lle permita gozar dunha vida activa sen demasiadas presións.