Ethel Vázquez culpa da subida dos peaxes na AP-9 a José Blanco

Manuel Gago cualificou de "inaceptable" a estratexia de Audasa

Ethel Vázquez durante su intervención en el pleno del Parlamento de Galicia. LAVANDEIRA JR (EFE)
photo_camera Ethel Vázquez durante su intervención en el pleno del Parlamento de Galicia. LAVANDEIRA JR (EFE)

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, culpou da subida anual do 1% das peaxes da AP-9 durante 20 anos ao exministro de Fomento e eurodeputado socialista, José Blanco, ao asegurar que "optou pola opción máis gravosa e prexudicial" para Galicia.  

"Nun momento de bonanza, un Goberno que se facía chamar de esquerdas —en referencia ao Executivo socialista presidido por José Rodríguez Zapatero— optou pola opción máis prexudicial", manifestou durante o pleno do Parlamento de Galicia.

Ethel Vázquez pronunciouse deste xeito en resposta a unha interpelación formulada polo deputado de En Marea, Manuel Lago, que denunciou que Audasa está preto de "bater un récord mundial" co "incremento das peaxes da AP-9 catro veces nun só ano". Todo iso despois de que Fomento aceptase a supresión da peaxe de Redondela, que se compensará na tarifa xeral da AP-9. 

"Non me parece correcto que traslade esa responsabilidade á Xunta", asegurou a conselleira na súa resposta. Así, aínda que recoñeceu que as ampliacións desta vía "hai que pagalas", considerou que "hai diferentes alternativas" para facelo. 

Así, criticou que o Goberno de Zapatero "blindase a subida das peaxes" para financiar tanto a ampliación da Ponte de Rande como a de Santiago de Compostela. "Un incremento acumulativo do 1% cada ano e pagando un 8% de interese fixo unha proposta redonda para Audasa", censurou. 

CRÍTICAS DE EN MAREA. En fronte, o parlamentario de En Marea Manuel Lago cualificou de "inaceptable" a estratexia de Audasa que "só se pode entender desde a complicidade do bipartidismo rotatorio" que gobernou España. 

"É un escándalo: subir catro veces nun ano os prezos xa abusivos da AP-9. Escándalo, roubo, atraco a punta de peaxe. Pode elixir o nome que queira", trasladoulle o deputado á conselleira na sesión plenaria. 

Na súa intervención, Lago tamén denunciou que os desta autoestrada son "as peaxes máis caras de España" e que Audasa é "a empresa que ten o maior número de reclamacións presentadas por usuarios" e "o menor número de empregados".

Comentarios