Evacuada en helicóptero tras saírse da estrada en Oza-Cesuras

Foron varias as persoas que contactaron co 112 Galicia sobre as 15.30 horas
Oficina do 112. ARQUIVO
photo_camera Oficina do 112. ARQUIVO

Unha persoa resultou ferida de consideración este venres logo de saírse da vía o coche co que circulaba en Oza-Cesuras (A Coruña), polo que tivo que ser evacuada en helicóptero, informou o 112 Galicia.

A vítima, tras recibir os primeiros coidados no mesmo lugar do accidente, foi evacuada ao centro hospitalario de referencia no helicóptero medicalizado con base en Santiago.

Foron varias as persoas que contactaron co 112 Galicia sobre as 15.30 horas, para solicitar asistencia médica urxente para unha persoa que, alertaban, saíu despedida dun vehículo na estrada de Montesalgueiro a Curtis, concretamente no cruzamento do Brueiro.

Enseguida, o persoal do 112 Galicia puxo a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Betanzos, dos axentes da Garda Civil de Tráfico e dos membros do GES de Curtis.

Así mesmo, solicitouse a colaboración do persoal da Axencia Galega de Infraestruturas para recuperar as condicións de seguridade da vía.