
O que fora secretario xeral do PSdeG Manuel Pachi Vázquez será xulgado a partir deste luns, día 23 de novembro, por un delito de prevaricación continuada durante a súa etapa como alcalde do Carballiño, municipio que gobernou entre 1995 e 2005.
Segundo confirmaron a Europa Press fontes xudiciais, o xuízo arrincará ás 10,15 horas no Xulgado do penal número dous de Ourense. A Fiscalía pídelle unha pena de 10 anos de inhabilitación por un delito de prevaricación continuada por unha serie de 60 contratos a empregados públicos. Xunto a Pachi Vázquez sentarán no banco outro catro acodes que tiñan responsabilidades na corporación municipal neste período, entre eles Carlos Alberto Montes, quen sucedeu a Vázquez na alcaldía até 2011.
No seu escrito con data do 13 de decembro 2019 e ao que tivo acceso Europa Press, o ministerio público atribúe ao tamén fundador de Espazo Común e ao resto de acusados un delito continuado de prevaricación por subscribir durante o seu período de mandato "un gran número de contratacións de persoal laboral de duración determinada para o desempeño de labores de competencia municipal, respecto de 60 traballadores".
En concreto, estas eran destinadas á cobertura de postos de peóns e albaneis, conserxes, carpinteiros, electricistas, traballadores do servizo de limpeza, profesional de psicoloxía, monitor da oficina local de turismo, locutor-redactor e encargado de instalacións deportivas, auxiliares de axuda a domicilio e mesmo axentes da policía local, entre outros.
FALTABAN OS REQUISITOS BÁSICOS
"Os acusados procederon á contratación destas persoas con conciencia de que faltaban os requisitos básicos de toda contratación pública, como é a publicidade, para que calquera persona puidese acceder á mesma de acordo aos principios de mérito e de capacidade", indica a Fiscalía, que rebaixa lixeiramente a súa petición de penas para dúas dos restantes acusados a 9 anos de inhabilitación e 8 anos e 9 meses.
Así mesmo, sinala que todos os contratos foron celebrados a pesar de que os acusados "foron informados" por escrito e de forma verbal "do incumprimento" dos trámites "necesarios" para constatar o "cumprimento dos principios constitucionais que deben rexer os mesmos".
Na actualidade Pachi Vázquez continúa na política activa e é concelleiro no Carballiño por Espazo Común, formación que fundou após a súa saída do Partido Socialista de Galicia e coa que obtivo tres edís nas eleccións municipais celebradas en maio de 2019.