Falece o alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro

A súa número dous no Concello, María Costa Calviño, perfílase para tomar a remuda

O alcalde de Tordoia (1950), o popular Antonio Pereiro Liñares, faleceu este luns aos 68 anos como consecuencia dunha enfermidade despois de permanecer á fronte do Concello con maioría absoluta desde as eleccións de 1999. 

O velorio ten lugar no tanatorio de Ponte Pedra, en Cabaleiros, no propio municipio de Tordoia. O funeral e enterro será este martes ás 17,00 horas, na Igrexa Parroquial de San Xulián de Cabaleiros. 

Tras coñecerse a noticia, o presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, publicou unha mensaxe en Twitter -asinado por el mesmo- no que envía todo o seu "afecto" á familia do rexedor e aos veciños deste municipio coruñés. 

"Todo o meu afecto para a familia de Antonio Pereiro Liñares e tamén para os veciños de Tordoia que perderon ao seu alcalde. Descanse en paz", chiou. 

Tamén o fixo o presidente provincial do partido na Coruña, Diego Calvo, quen lamentou que sempre "se van antes de tempo os bos e xenerosos". "Por que será que marchan antes de tempo os bos e xenerosos? Até sempre alcalde... Até sempre, amigo. DEP Antonio Pereiro, alcalde de Tordoia", escribiu nesta mesma rede social. 

A través de Twitter sucedéronse as condolencias desde que se coñeceu a noticia. Así, manifestaron o seu pesar tamén, entre outros, o PP de Moeche e Santiago e o da provincia da Coruña: "O noso máis sentido pésame para toda a familia de Antonio Pereiro. Hoxe é un día triste para o noso partido. Déixanos un bo alcalde, un gran amigo e unha excepcional persona. D.E.P Mestre". 

FUTURO DE TORDOIA. Antonio Pereiro Liñares estaba confirmado como futuro candidato nas eleccións de maio, aínda que as fontes populares consultadas por Europa Press explicaron que tanto el como o partido eran conscientes do estado de saúde delicado. 

A súa número dous no Concello, María Costa Calviño, perfílase para substituír no cargo a Pereiro Liñares.