Falece Juan Luis Pía, o xuíz do Prestige

No seu momento dedicouse en exclusiva a esta causa ata que se fallou: durou oito meses, 400 horas en 89 sesións
Juan Luis Pía Iglesias. ARQUIVO
photo_camera Juan Luis Pía Iglesias. ARQUIVO

Juan Luis Pia Iglesias (A Coruña, 1952), presidente do tribunal que axuizou na Audiencia da Coruña a marea negra do Prestige, faleceu nas últimas horas.

Pía Iglesias estudou cinco anos no seminario de Mondoñedo. Ingresou na carreira xudicial con 23 anos en Verín para pasar logo aos xulgados de Betanzos, San Sebastián, Murcia, Ourense, Ferrol e a Audiencia coruñesa, da que volveu a un xulgado de Instrución de Ferrol e de novo á Audiencia Provincial da Coruña. Desempeñou a praza de Maxistrado da Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

No entanto a súa carreira estivo marcada pola causa do Prestige. Pía dedicouse en exclusiva a esta causa ata que se fallou. Durou oito meses, 400 horas en 89 sesións, e contou con 204 declaracións de testemuñas e peritos; ademais dunha "inxente base documental", houbo que examinar "moitas cuestións" e escoitar as alegacións das partes, polo que "todo iso complicaba a cuestión". "Cando reduces a carga traballo a un só asunto, case case te obsesionas", confesaba o maxistrado en 2017.

A capela ardente atópase instalada no tanatorio Servisa, na avenida da Pasaxe, en A Coruña. O acto do enterro efectuarase este luns, ás 18.00 horas no panteón familiar do cemiterio de Santa Marta de Ortigueira