miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

Un falecido en Coristanco e un ferido en Lousame en dous accidentes de tractor

Os feitos ocorreron nos lugares de O Anido (Agualada) e Silvarredonda (Vilacova)

Un home faleceu na tarde deste martes nunha leira de Coristanco ao quedar atrapado entre as cadeas e unha roda do tractor que conducía. Os feitos ocorreron no lugar de O Anido, na parroquia de Agualada. 

O 112 tivo constancia dos feitos ás 16.25 horas a través da alerta do 061, que mobilizou ata o lugar do accidente ao helicóptero medicalizado con base en Santiago. Nada máis recibir o aviso, o 112 informou do sucedido ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Ponteceso, aos Bombeiros de Carballo, a Protección Civil e á Garda Civil. 

Unha vez na leira, os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Carballo empregaron o material de excarceración para liberar ao home. Os efectivos sanitarios nada puideron facer por salvar a vida do home.

Por outra banda, en Lousame, un home resultou ferido despois de ser esmagado contra unha parede polo tractor que manexaba. O accidente tivo lugar en Silvarredonda, na parroquia de Vilacova, ao fío das 18.25 horas. 

Debido á gravidade das feridas da persona accidentada, o 061 mobilizou ata o lugar dos feitos o helicóptero medicalizado con base en Santiago. Foi o persoal sanitario quen deu a voz de alarma ao 112. Os técnicos sanitarios indicaban no seu relato que o home se atopaba accesible. 

Acto seguido, pasouse o aviso á Garda Civil, aos Bombeiros de Boiro, ao GES de Brión e a Protección Civil. O home ferido foi trasladado na aeronave ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. 

Un falecido en Coristanco e un ferido en Lousame en dous accidentes...