O falecido no Rali Sur do Condado foi golpeado cando buscaba outra localización

A proba continuou por expreso desexo do fillo do falecido, que participaba como copiloto

Una imagen del atropello mortal del Rali Sur do Condado. CEDIDA
photo_camera Una imagen del atropello mortal del Rali Sur do Condado. CEDIDA

"Ía andando cara atrás, pegoulle o golpe cara a onde están os valados". Así explicou unha testemuña o atropelo mortal ocorrido o sábado no Rali Sur do Condado. Este testemuño recollido pola TVG leva a pensar que a vítima, Manuel González, de 64 anos, estaba a se desprazar do lugar onde un coche participante na proba o golpeou. Estaría a buscar, ao parecer, unha zona máis segura. E é que no punto no que se atopaba estaba restrinxida a presenza de público: era zona vermella.

O falecido era o pai dun home moi vinculado ao mundo dos ralis, Diego González, que leva máis dunha década colaborando cunha escuadra e que participaba como copiloto na proba. "Tomou a decisión el de que o rali continuase", explicou o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez.

A vítima, que era de Salvaterra, foi arroiado xunto con outras persoas por un vehículo que sufriu unha saída de vía no tramo de Ponteareas, á altura do circuíto de motocrós de Taboexa. Outras dúas persoas resultaron feridas o incidente, ningunha delas de gravidade. 

Segundo confirmou Europa Press, o atropelo produciuse en zona delimitada pola organización do evento como zona vermella. Nestes puntos, marcados pola comisión de seguridade da proba, está prohibido que se sitúe o público para presenciar a pasada dos coches. 

O accidente tivo lugar ás 13,15 horas deste sábado. Ata o punto desprazouse un equipo a bordo do helicóptero medicalizado do 061 con base en Santiago, que practicaron exercicios de reanimación á vítima, que, con todo, faleceu no lugar. 

A organización da proba suspendeu o primeiro tramo previsto para a tarde por mor do sucedido. Ademais, no transcurso do Rali Sur do Condado, que se celebrou este sábado entre varios municipios do sur de Pontevedra, rexistrouse outro atropelo, no que resultaron feridos un fotógrafo e o propio piloto do coche, que tiveron que ser trasladados en ambulancia. 

Trátase da primeira vítima mortal nunha proba automobilística en Galicia desde o tráxico suceso rexistrado en Carral en 2015. Durante a celebración do Rally da Coruña, un coche saíuse da estrada e acabou arroiando a un grupo de 16 persoas, das cales sete perderon a vida.

A XUNTA LAMENTA O SUCESO. Na tarde deste sábado, a Xunta expresou o seu pesar pola morte do espectador a través da secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, que transmitiu as súas condolencias á familia e achegados da vítima. 

Ademais, nun comunicado, o Goberno galego recorda a importancia de cumprir con todas as medidas de seguridade durante as probas de motor e desexa unha pronta recuperación ás outras dúas persoas feridas no transcurso do Rally Sur do Condado. 

Comentarios