Unha falta de civismo alarmante

As verteduras incontroladas detectadas na Costa xeran problemas de saúde e de imaxe. Nin a Administración nin o Seprona parecen capaces de porlle freo a esta incívica conduta

Vertedoiro incontrolado na Ínsua. ÁLVEZ
photo_camera Vertedoiro incontrolado na Ínsua. ÁLVEZ

Os aveños, electrodomésticos e distintos tipos de desperdicios teñen o seu lugar indicado de recollida nos puntos limpos de cada concello, gratis para calquera veciño, e en Ribadeo por exemplo, hai ademais unha planta de tratamento dos residuos resultantes das obras, propiedade da construtora Gratelu. Con todo, segue habendo cidadáns que prefiren depositar o seu lixo en leiras e montes e incluso preto de áreas recreativas, como a vivariense de Ínsua.

Este tipo de conduta incívica supón unha infracción severa de tipo ambiental e, en épocas turísticas, como a actual Semana Santa, xera ademais unha imaxe pésima dos lugares nos que se poden ver as verteduras incontroladas.

As administracións e os axentes do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) perseguen este tipo de actuacións. Recórdanlles aos cidadáns que hai colectores e lugares adecuados para o seu depósito e posterior tratamento. Aínda así, a pesar dos anos e as instalacións dispoñibles, seguen aparecendo vertedoiros en diversos puntos da comarca.

2018032919402698000

Parece que non desaparecen nin cos bandos de municipios como o ourolés, advertindo do incívico de tales condutas, que levan multas se se localiza aos infractores. "O Concello de Ourol fai saber que se recibiu visita de axentes da Consellería de Medio Ambiente informando da existencia de vertedoiros incontrolados", sinalaba o alcalde, José Luís Pajón, en xaneiro. O concelleiro recordaba a existencia do servizo gratuíto de recollida domiciliaria de aveños que se solicita chamando ao concello.

Só hai que decatarse da imaxe que xeran en lugares próximos a áreas recreativas como a vivariense de Ínsua ou preto de praias como a de Area, onde se localizaron cascallos así como un sofá nas inmediacións do faro. Tamén os houbo cerca do miradoiro ribadense de Santa Cruz e do cemiterio da vila.

Mención aparte merecen os residuos que se tiran ou chegan aos portos coa marea, como ocorre no peirao de Burela onde se detectan desde hai tempo sen que se limpe a lámina de auga neses recodos sucios.

As sancións poden alcanzar os 600 euros casos leves, e van dos 6.000 aos 1.200.000 euros no caso de infraccións moi graves, relativas a residuos perigosos ou nocivos para a saúde.

Comentarios