Unha familia con fillos menores enfróntase a un desafiuzamento en Vigo

Desde a Federación de Veciños remarcaron que hai que facer algo para "corrixir o que está a pasar"

Cartel de 'Stop desafiuzamentos'. XESÚS PONTE
photo_camera Cartel de 'Stop desafiuzamentos'. XESÚS PONTE

Unha nova familia con tres fillos menores de idade será desafiuzada en Vigo o 24 deste mes "se ninguén o remedia", tal e como asegurou esta mesma mañá a propia afectada tras acudir aos xulgados da rúa Lalín.

Margia González é natural de Cuba e leva varios anos vivindo en Vigo co seu marido e os seus tres fillos; "tras anos traballando agora estamos no paro e a vida deunos un revés" que lles levou a esta situación "desesperada", dixo.

Esta muller asegurou que o desafiuzamento está previsto para o 24 de xaneiro e insistiu en que tras acudir ao departamento de Benestar Social do Concello de Vigo déronlle cita coa traballadora social para o día 30 de xaneiro.

Desde a Federación de Veciños remarcaron que hai que facer algo para "corrixir o que está a pasar" xa que non lles poden dar cita unha semana logo da data prevista para desafiuzamento.

Margia tamén recordou que no mes de novembro acudiron aos servizos sociais porque lles cortaron a auga e tardaron, segundo o seu testemuño, tres semanas en porlla de novo "con tres fillos menores en casa".

"Non se que imos facer", manifestou esta muller que ve como se pode quedar na rúa co seu marido e os seus tres fillos en moi poucas semanas.

Desde a Federación de Veciños volveron a pedir un parque público de vivenda e aseguraron que o Concello de Vigo acaba de vender 40 pisos.

Para finalizar, preguntan polo Plan Antidesahucios do Concello que prometeu o alcalde ao que recordan que "el non para desafiuzamentos".

Comentarios