Feijóo, a Caballero: "Non alcalde, ti non es Vigo"

O presidente da Xunta presentou na cidade olívica á candidata popular nas próximas eleccións municipais, Elena Muñoz

Alberto Núñez Feijóo. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. PEPE FERRÍN (AGN)

O presidente do PP e da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, replicou este venres con dureza ás acusacións que lle vén dedicando Abel Caballero, a quen advertiu: "Non alcalde, ti non es Vigo". No acto de presentación da candidata do PP á alcaldía de Vigo, Elena Muñoz, nunha abarrotada estación marítima, o socialista Abel Caballero estivo na diana de todos os intervintes, tanto o presidente provincial, Alfonso Rueda, como a presidenta do Congreso, Ana Pastor.

Pero quen máis se acordou de Caballero foi Feijóo, que, segundo asegurou, viuse na obrigación de dicir "o que penso". "Non alcalde, ti non es Vigo", proclamou Feijóo, anticipándose á posible réplica que cre que recibirán as súas palabras por parte das filas socialistas ao interpretar as súas críticas ao rexedor como un ataque á cidade.

Fixo fincapé en que nas próximas eleccións municipais "elíxese alcalde, non a ningún propietario; a quen decide, non ser serventes do ego de ninguén; a ser escoitado, non que o protagonista sexa o sermón do aló alcalde. Non somos vasalos, moito menos de quen xamais se comportou como un señor", proclamou.

Feijóo abundou en que os veciños de Vigo "habituáronse" a que Caballero "fale coma se fose Vigo, a cidade enteira, aquí dise o que eu fago e é bo quen eu digo, e quen non me faga a pelota terá dificultades". "Todo o que non sexa darlle a razón é un ataque a Vigo", censurou Feijóo, como tamén que Caballero non acepte nada "se el non é o protagonista", que "a cada solución" responda cun "problema", e que se saque "un coello da chisteira" ante calquera dificultade.

Cre Feijóo que "non é normal o temor a represalias" que existe entre os veciños e as asociacións de Vigo, que "non din o que pensan por medo"; como tampouco "que se repartan carnés de bo e mal vigués, que para calquera cousa se teña que pagar a peaxe para satisfacer un ego. Nin con 17 nin con 27 concelleiros iso é normal".

O líder do PP galego mostrouse convencido de que Vigo non "vai calar", pois "a mordaza funcionará cos seus propios concelleiros, aos que só permite aplaudir, e cos que temen as súas represalias, pero non connosco". "Nin con ameazas ridículas dunha comisión de investigación, toda unha declaración de culpabilidade, nin con espectáculos que monte... Vai necesitar moito máis show, máis dinosetos, lámpadas, para eclipsar a responsabilidade dun accidente bochornoso que levou ao mar a máis de 400 persoas", dixo sobre O Marisquiño e a petición do PSOE de Vigo de que se investiguen os contratos do Sergas con Marcial Dorado.

Feijóo ofreceu aos vigueses non só unha candidata á alcaldía, senón tamén "un xeito de facer política" que cambie as "cortinas de fume" por abrir "as fiestras de pao a pao e ventilar, para que se vaia o cheiro a soberbia, a mentira e a neglixencia".

Sobre Elena Muñoz, dixo que se gañou a confianza do partido, co seu traballo día a día e coa "súa perseveranza", e cun xeito de ser e de actuar que "conecta" coa dos vigueses.

A candidata do PP á alcaldía de Vigo recalcou que chegou o momento de iniciar "unha nova etapa" na cidade, "de avance, de equilibrio e normalidade". Comprometeuse a traballar "sen descanso por todos", e nese todos incluíu aos cidadáns de toda a área metropolitana; e tamén a facer de Vigo unha cidade "aberta e plural", "innovadora e industrial", e na que a cultura "recupere o seu espazo".

En alusión a Caballero, sinalou que "un líder é inclusivo, non excluínte; solidario, non egoísta; respectuoso, non manipulador", e que a súa principal virtude "non consiste en impor, senón en convencer". Comprometeuse coas parroquias, coas familias e coas empresas, e asegurou que se é alcaldesa, haberá un novo plan xeral o próximo mandato.

As intervencións de Alfonso Rueda e de Ana Pastor coincidiron nos encomios á candidata e as pullas a Caballero, así como ao Goberno de Pedro Sánchez no caso da presidenta do Congreso. O líder nacional do PP, Pablo Casado, tamén transmitiu forzas á candidata en Vigo a través dunha mensaxe gravada no que aludiu ao accidente do festival O Marisquiño e ás "explicacións non dadas" por parte do alcalde, de quen houbo "demasiado silencio".