Feijóo dá "liberdade" ao PP de Ourense para pactar un novo goberno local

O popular pregunta a Caballero se o PSOE tamén ten esa capacidade para acordar. Os socialistas culpabilizan o líder do PPdeG da situación da terceira cidade de Galicia
Pleno del Parlamento
photo_camera Alberto Núñez Feijóo, no pleno deste mércores. PEPE FERRÍN (AGN)

O presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este mércores que os populares de Ourense "teñen liberdade para pactar" un goberno alternativo ao que actualmente lidera —co único apoio doutros dous edís de Democracia Ourensana— Gonzalo Pérez Jácome, despois de que o PP suspendese o pacto que o levou á alcaldía por "sospeitas" sobre o financiamento de DO.

Así, na sesión de control ao Goberno celebrada no pazo do Hórreo, Feijóo aproveitou a pregunta que formulou o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, para instalo a aclarar se o PSOE tamén ten esa capacidade de pactar en Ourense independentemente das directrices que marque a dirección autonómica.

"Espero que vostede tamén lle deixe liberdade para pactar e espero que a proposta non sexa pactar con todos para que non goberne o PP", dixo o popular, quen reprochou aos socialistas que na provincia de Ourense el ofrecera que o PP liderase a Deputación e o PSOE asumise as rendas do Concello —ambos como forzas máis votadas en sendas institucións—. Pero dixo que os socialistas non aceptaron a oferta.

Durante o debate, no que Feijóo mostrou que a súa "preocupación" como presidente da Xunta é a situación sanitaria de Ourense, Caballero acusou ao PP situar a Jácome na alcaldía —a pesar de dicir en campaña electoral que era "letal"— para "manter o baltarismo e caciquisimo" na Deputación de Ourense.

"Vostede é responsable da crise municipal", dixo o socialista ao líder do PPdeG, á vez que o instou a recoñecer "os erros por colocar a Jácome á fronte". "Se quere loitar eficientemente contra o virus poña fin ao caos político na cidade", subliñou Caballero, tras coincidir en que a situación "máis preocupante" é a sanitaria. 

A pasada semana, o pleno municipal aprobou unha moción cos votos do PP, Ciudadanos e os díscolos de Democracia Ourensana a favor de buscar un goberno alternativo na cidade.

Comentarios