Feijóo dá por superada a "fase aguda" e di que non se usarán os hospitais de campaña

O presidente da Xunta asegura que a evolución da curva é "boa" e afástase do pico cada día máis
Núñez Feijóo. DAVID CABEZÓN
photo_camera Núñez Feijóo. DAVID CABEZÓN

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou, tras reunirse na pasada xornada o comité clínico que analiza os pasos a dar para combater o coronavirus, que en Galicia queda "desactivada" a fase aguda da mesma, polo que "afortunadamente" non será necesario acudir aos hospitais de campaña que se deseñaron para Expocoruña e o compostelán Multiusos do Sar. 

Feijóo, quen participou xunto co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, nese encontro do comité clínico galego, destacou a boa evolución dos datos de contagios na comunidade. De feito, subliñou que a evolución da curva "é boa", que se afasta cada día máis "do pico" e que o número de contaxiados por día "caeu un 74%". "Estamos a conter a pandemia", proclamou o presidente galego, quen apelou a seguir traballando "co mesmo rigor" e a non "baixar a garda" para evitar un posible "rebrote". 

En todo caso, tras rexeitar "autocompracencias", si sinalou que o comité decidiu, en vista dos datos, dar por superada a fase aguda da crise sanitaria e baixar "do nivel tres ao dous" dentro do plan de continxencia co que se traballou. Así as cousas, ratificou que, en principio, non será necesario usar os hospitais de campaña. 

Todo iso, sempre que non haxa "un rebrote nos próximos meses ou a final de ano". "O desexo é que non haxa que usalos nunca", sentenciou, antes de defender, en todo caso, a decisión de planificalos e dar as grazas a empresas que contribuíron con doazóns de material e outros elementos a que estivesen preparados para a súa activación inmediata se fose necesaria. 

Feijóo carga contra Iglesias e avisa ao Goberno: "Toca xestionar a realidade"
O presidente da Xunta tamén asegurou que hai "declaracións e actitudes moi graves" dalgún membro do Goberno, "de forma concreta do vicepresidente segundo" (Pablo Iglesias que "a maioría de españois" e dos e militantes do PSOE, na súa opinión, "nin entenden nin comparten". 

En conferencia de prensa telemática sobre a evolución da pandemia do coronavirus, Núñez Feijóo advertiu ao Goberno de que "o que toca é xestionar a realidade" e declinou opinar sobre a chamada do Executivo aos partidos políticos para pactar medidas de reconstrución do país xa que sería "opinar sobre case nada", porque non se coñece nada.  Explicou que descoñece tanto "a música como a letra" e que o título, unha suposta reedición dos Pactos da Moncloa, "non invita o optimismo". 

Comentarios