Feijóo inclínase por celebrar as eleccións no mes de xullo

"O responsable paréceme facelo cando menos risco hai", sinalou o presidente da Xunta, que convocará este xoves ao resto de partidos para abordar o tema
Alberto Núñez Feijóo. DAVID CABEZÓN
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. DAVID CABEZÓN

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, convocará este xoves ao resto de partidos para abordar a data das eleccións galegas, inicialmente convocadas para o 5 de abril e suspendidas pola pandemia do coronavirus. Aínda que non concretou a data e á espera de ouvir á oposición, o titular da Xunta suxeriu que a opción que para el ten máis forza é xullo. 

"O responsable paréceme facelo cando menos risco hai e o irresponsable sería facelo cando hai máis risco", sentenciou, a preguntas dos xornalistas nunha rolda de prensa telemática na que, previamente, esgrimira informes de varios expertos que "coinciden" en que os comicios deberían celebrarse "canto antes, a principios de verán". 

Feijóo tamén aludira a un informe da Asesoría Xurídica da Xunta que apunta a que sería "prudente" e "correcto" convocar as galegas "canto antes" para evitar que un rebrote do coronavirus impida aos galegos exercer o seu "dereito a voto". Un rebrote do que hai alto risco segundo os primeiros resultados do estudo epidemiolóxico do Sergas, que avanzou, e que indican unha circulación moi baixa do virus na comunidade -a poboación afectada estaría "na contorna do 1%"-. 

Xa nas preguntas, aínda que insistiu en que quere ouvir á oposición antes de pechar unha decisión, foi máis preciso e chegou a admitir que o que máis se achegaría á recomendación dos expertos sería finais de xuño ou incluso o primeiro domingo de xullo (día 5), aínda que é imposible que as galegas se celebren xa nesas datas polos 54 días que deben discorrer desde que se convocan. 

Así as cousas, o primeiro domingo no que se poderían celebrar sería o do 12 de xullo (tería de marxe para convocar ata o vindeiro martes 19 de maio). 

Con todo, Feijóo evitou concretar unha data e insistiu en que tomará unha decisión, a que considere "máis responsable", logo de ouvir ao resto de partidos galegos, como lle obriga o decreto polo que se suspenderon os comicios convocados para o 5 de abril. O lehendakari vasco, Iñigo Urkullu, tamén escoitará aos partidos de Euskadi este xoves. 

Comentarios