miércoles. 27.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 27.10.2021
El tiempo

Feijóo: "A oferta da Xunta feita ao persoal de Xustiza é a mellor nunha década"

Núñez Feijóo. PEPE FERRÍN (AGN)
Núñez Feijóo. PEPE FERRÍN (AGN)

Os sindicatos acusan á Xunta de estar "interesada" en prolongar o conflito para "gañar" diñeiro

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este xoves que a proposta do Goberno galego ao persoal de Xustiza, que afronta o seu duodécimo día de folga, é "a mellor" ofrecida a un colectivo de traballadores públicos na última década.

"Levamos 10 anos sen facer unha proposta como esta a ningún colectivo. É a proposta mellor para un colectivo de traballadores públicos na última década, máis vontade non podemos ter" para alcanzar un compromiso , insistiu Núñez Feijóo tras a reunión semanal do seu Goberno.

Por iso insistiu en que "se hai vontade de acordo" por parte dos sindicatos, haberá compromiso, xa que pola contra "continuará o desacordo". Neste sentido, o presidente galego considerou que hai mostras de falta de vontade por parte dos sindicatos, como o feito de "desprezar mil euros por traballador ao ano" porque "hai moitos mileuristas en España e Europa para os que supoñería cobrar un mes máis: se iso se considera un desprezo evidentemente non hai moita vontade de acordo".

Así mesmo, indicou que tampouco ve interese en alcanzar un acordo por parte dos sindicatos, que permanentemente se levantan da mesa de negociación, e a última condición que puxeron é retirar das conversacións o director xeral de Función Pública da Xunta, José María Barreiro.

"Imaxínese que a Xunta di que non está disposto a falar co líder da CUT, que é o que dirixe comité de folga, sería un tic antidemocrático bastante preocupante", dixo o presidente galego, que considerou preocupantes este tipo de esixencias.

Núñez Feijóo destacou a oferta de aumento salarial da Xunta que supoñería unha subida dun 10% no próximos tres anos, e que asegurou que non se pode aumentar, polo que "en ningunha maneira é problema de interlocutor", dixo.

Pola súa banda, o comité de folga dos funcionarios da Administración de Xustiza de Galicia acusou á Xunta de estar "interesada" en prolongar o conflito para "gañar" diñeiro, mentres os traballadores son "os primeiros interesados" en negociar, aínda que "non a calquera prezo".

ALTO SEGUIMENTO. Fontes de comité de folga explicaron a Efe que os seus membros están "moi contentos" cun seguimento que "segue sendo espectacular" debido a que "os compañeiros cada vez están máis indignados e cada vez máis concienciados". 

"Rueda di que está aberto ás negociacións pero non nos convoca. Ademais, o último encontro non foi unha negociación. Se alguén é intransixente, non está a negociar. Noutras comunidades a administración senta e negocia, pero aquí non se moven da súa última oferta", engaden as mesmas fontes.

A representación social lembra que o último movemento na negociación salarial fixérono os traballadores, "cunha gran baixada", polo que entende que agora debe ser a Xunta a que faga unha nova proposta, aínda que a mantén desde o 12 de febreiro.

"A gran diferenza é que esta folga suponnos unha perda retributiva. Os primeiros interesados somos nós, pero non a calquera prezo. Á Xunta, en cambio, interésalle o conflito. Cada día que pasa, gaña diñeiro. Enche as súas arcas cos nosos soldos", engaden fontes do comité.

O seguimento da folga situouse durante a xornada deste xoves, segundo os sindicatos, nun 93% en Pontevedra, un 90% en Vigo, un 88% en Ourense, un 82% en Ferrol, un 81% en Lugo e Santiago e un 75% na Coruña; e por encima dun 90% nos partidos xudiciais máis pequenos.

Durante a xornada deste xoves houbo concentracións na maioría de cidades para analizar a situación tras o plantón das negociacións esta semana.

Feijóo: "A oferta da Xunta feita ao persoal de Xustiza é a mellor...
Comentarios