Feijóo pide o apoio de "todos os que prefiren que goberne o PP antes que Pedro Sánchez" 

Reivindica que "ante os partidos aos que Galicia non lles importa nada, está o voto útil, que é o Partido Popular"

Pablo Casado y Nuñez Feijóo, en el acto celebrado en A Coruña CABALAR
photo_camera Pablo Casado y Nuñez Feijóo, en un acto celebrado en A Coruña. CABALAR

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, instou a que todos aqueles que prefiran un goberno do PP antes que o de Pedro Sánchez apoien ao Partido Popular nas urnas, para que a formación que lidera Pablo Casado obteña maioría. 

"Esa maioría ampla é posible se todos os que prefiren que goberne o PP antes que Pedro Sánchez apoian ao Partido Popular", asegurou, durante un acto celebrado en Ribadeo. 

Alberto Núñez Feijóo reivindicou a "garantía", a "firmeza" e a "unidade do PP", que representa o "voto útil para Galicia e España" fronte ás outras formacións políticas populistas, nacionalistas ou independentistas "que dividen" ou ás que Galicia "non lles importa nada". 

"Ante o PSOE de Pedro Sánchez, está a garantía do PP; ante o populismo que só busca romper e só consegue autodestruirse, está a firmeza do PP, ante o nacionalismo e o independentismo que divide está unir as forzas no PP, e ante os partidos aos que Galicia non lles importa absolutamente nada, está o voto útil para Galicia, que é o Partido Popular", proclamou. 

Nesta liña, o líder dos populares galegos indicou que "o futuro está en mans dos galegos" e defendeu que o PP non só quere "unha maioría ampla" para gobernar senón para que España "poida progresar e teña un goberno estable". 

Para Feijóo, do mesmo xeito que "o PP é a única alternativa á combinación de Pedro Sánchez con populistas e nacionalistas, só hai unha forma de que goberne o PP, que é votándoo". 

Feijóo puxo en valor o "proxecto e respostas" do PP en educación, sanidade, medio rural, mar ou servizos sociais, porque "non basta con proclamas senón que hai que gobernar". 

O presidente dos populares galegos tamén destacou que España necesita dun goberno que "só se deba aos españois e non aos seus socios", que non presente orzamentos "que a prexudiquen", e Ribadeo e a súa comarca necesitan un goberno que demostre que lle importan. 

Para Feijóo, o obxectivo de Pedro Sánchez non é España nin o interese xeral dos españois, senón el mesmo: "Se ten que aliarse con Podemos, nacionalistas, independentistas e Bildu, faino; e se ten que pasar por encima do Congreso dos Deputados, faino". 

Por outra banda, o líder do PPdeG apelou ao "voto útil" que representa "o Partido Popular", para que conte cunha maioría que permita "gobernabilidade, estabilidade e un goberno que goberne". 

Comentarios