Feijóo, preocupado por recuperar votantes e por que se "eclipsen acertos" do PP con corrupción

Atribúe á oposición estar "rumiando enquisas" e acúsalle de montar "follóns" nas cidades 
 

 

O presidente da Xunta e líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, recoñeceu este sábado preocupación por recuperar "a confianza" daqueles que deixaron de votar ao PP, así como por conseguir o apoio dos que nunca llo deron. Na clausura dunha xornada interparlamentaria do PPdeG, mostrouse preocupado tamén por "que uns poucos eclipsen acertos deste gran partido", en alusión velada aos últimos casos de corrupción que afectan á súa formación. 
En clave electoral, ante deputados do partido en Galicia, Madrid e Bruxelas, a súa intervención comezouna facendo referencia ás 'mareas', tamén sen citalas expresamente. "Este partido non ten ningún dilema entre facer política nas rúas e nas institucións", dixo. 

A este respecto, avogou por "estar nas institucións e ao mesmo tempo pisar as rúas". De feito, animou aos membros do seu partido a trasladar ao ámbito institucional as preocupacións que recollan do día a día. "Desatender" algunha destas funcións, engadiu, "sería unha gran equivocación que este partido nunca cometeu". Ademais, apostou por "sentimento e 'sentidiño" como claves para inspirar o traballo diario, e "non deixarse levar pola demagoxia nin pola mecha curta". 
"Somos garantía de estabilidade institucional, política, do autogoberno, do Estatuto de Autonomía e da Constitución", enumerou, idea que despois repetiría en varias ocasións ao longo do seu discurso.

"ÚNICA MAIORÍA ABSOLUTA". Nesta liña, reivindicou ser "a única maioría absoluta dun parlamento en España" e atribuíuno a que os galegos dixeron "non" nas urnas "aos que propoñen romper con todo". Nun auditorio no que se atopaban a presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor; o do Parlamento galego, Miguel Santalices; o portavoz do PP no Senado, José Manuel Barreiro; e o da Cámara autonómica, Pedro Puy, entre outros, Feijóo chanceou con que é "difícil ter máis xente con responsabilidade nunha sala tan pequena". 

Foi despois disto cando mostrou a súa preocupación por "recuperar a confianza" daqueles votantes do PP que deixaron de apoiar a esta formación, así como por lograr o apoio de novos electores. Tamén lle preocupa, segundo admitiu, "que uns poucos eclipsen acertos" do que cualifica un "gran partido", e todo isto enmarcouno no seu interese por "servir mellor" aos intereses dos galegos e os españois. 

Con todo, rexeitou estar "rumiando enquisas", algo que si lle achacou a outros partidos, e optou por continuar "traballando". "A Galicia do futuro non se constrúe tuiteando", ironizou.  Outra alusión á oposición, coa vista posta nas próximas eleccións municipais, foi a dos "follóns" que, segundo apuntou, montan algúns "nas cidades".

"FOLLA DE SERVIZOS". E, fronte a candidatos "fotoxénicos" e que dan bos "titulares de prensa", contrapuxo que os populares han de presentar a súa "folla de servizos", cunha Galicia que leva "catro anos crecendo" e ten unhas "contas saneadas". Tamén tivo palabras Feijóo para a inauguración de dous tramos da autovía de O Morrazo deste venres, e para o acto co que o luns o ministro de Fomento anunciou en Lugo un investimento de 283 millóns de euros para modernizar a liña ferroviaria Ourense-Lugo. 

Após as críticas de toda a oposición por anuncios que ve "propaganda", e reproches polo tipo de tren co que contarán os lucenses, o número uno dos populares galegos reiterou este sábado que "a Ave a Galicia non é que chega a Ourense nada máis", e insistiu en que "ten que chegar a todas as cidades". 
 

Comentarios