Feijóo reivindica que o seu Goberno indemnizou "por primeira vez" ás vítimas dos incendios

Luís Villares acusa o Executivo autonómico de facer "propaganda" ao falar de terrorismo incendiario

Luís Villares. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Luís Villares. PEPE FERRÍN (AGN)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou a actuación do seu goberno tras a vaga de incendios do pasado mes de outubro, xa que "por primeira vez" o Executivo autonómico indemnizou ás vítimas, a diferenza do que fixeran gabinetes anteriores. Na sesión de control do Parlamento, o presidente galego destacou que esta é "a primeira vez en toda a historia de toda a comunidade autónoma na que hai indemnizacións". "Houbo tamén falecementos (durante) outros gobernos e non se indemnizou a ninguén", lembrou o mandatario autonómico, á vez que mantivo a tese de que os lumes intencionados son actos de "terrorismo incendiario".

Núñez Feijóo replicou deste xeito ao portavoz de En Marea, Luís Villares, que o cuestionou por que "dixo que indemnizaría" os afectados como "vítimas de terrorismo" e a realidade non foi así. Neste sentido, Villares lembrou que o BOE establece que as compensacións por vítimas de falecemento en caso de terrorismo son de 250.000 euros e a cantidade recibida polas vítimas da vaga de lumes, segundo o DOG, é de 75.000 euros. "O rigor escríbese no BOE e vostede fixo propaganda", reprochoulle o portavoz de En Marea, que incidiu en que da propaganda da Xunta "aos seus feitos hai un tramo moi grande".

Luís Villares sinalou que o presidente ten a "obrigación" de explicar a campaña que desenvolveu "aos catro ventos" falando de terrorismo incendiario mentres que a Fiscalía de Medio Ambiente négao: "van facer outra campaña desmentindo ao fiscal?", cuestionou.

O deputado censurou así a actuación autonómica en relación aos incendios que para non asumir as responsabilidades ideou un "plan para botala culpa a alguén creando un inimigo exterior" e agora a Fiscalía desmóntao, sostivo Villares. "Non hai trama, o que había era unha tremoia, pero de cartón pedra e que ardeu cos incendios", resolveu Villares.

Fronte a iso, o presidente galego censurou que o portavoz de En Marea afirme "tantas cousas que non son verdade" porque —reiterou— el "xamais" falou de trama incendiaria aínda que si de terrorismo."Se falei de terrorismo incendiario e insisto" porque, apuntou, non é necesaria unha trama para cometer un acto de terrorismo, "pódese cometer sen necesidade de contactar con ninguén". Así, insistiu que os lumes levados a cabo "de madrugada, de forma continuada e constante aproveitando un furacán que pasaba por Galicia, é terrorismo. Reitéroo".

Ademais, sinalou que na súa formación avogan por incluír os incendiarios nos casos que poidan ter pena de prisión permanente revisable. Finalmente, Nuñez Feijóo cuestionou con que argumentos se refire o maxistrado en excedencia ao informe da Fiscalía de Medio Ambiente cando se trata dun documento que se emitirá no mes de abril. "É moi sorprendente, será que vostede ten acceso a informes que nós non temos" polo que lle pediu que se é así e dispón dese informe podería darlle "unha copia".

Comentarios