Feijóo presume de sanidade e carga contra o procés

Na súa tradicional mensaxe de Fin de Ano, o presidente da Xunta sinalou que a Constitución de 1978 é "o marco que protexe o noso autogoberno" polo que convidou a non permanecer impasibles ante o "ataque sistemático" a este texto

Alberto Núñez Feijóo, durante a mensaxe de Fin de Ano. XUNTA DE GALICIA
photo_camera Alberto Núñez Feijóo, durante a mensaxe de Fin de Ano. XUNTA DE GALICIA

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apelou este luns á saúde democrática, a que impera cando existen problemas que se denuncian, así como debates e reivindicacións, "que un gobernante non debe nunca menosprezar", e a cal non se dá se as que se expoñen son meras "utopías falaces".

Na súa tradicional mensaxe de Fin de Ano, o máximo mandatario autonómico indicou que as controversias que se poden producir na Comunidade que goberna son "moi distintas a outras que perseguen a división entre bos e malos cidadáns" e nesa senda animou a seguir avanzando.

Sempre, dixo, coa convicción de que a Constitución de 1978 é "o marco que protexe o noso autogoberno" polo que convidou a non permanecer impasibles ante o "ataque sistemático" a este texto, que ten xa corenta anos.

"Galicia non vai calar cando se pon en perigo unha obra de todos", advertiu, e engadiu que tampouco se pode considerar aceptable que se disfrace como "conflito" unha, ao seu xuízo, evidente vulneración da legalidade, coa procura de "situacións de privilexios que non compartimos".

Galicia non vai calar cando se pon en perigo unha obra de todos

Nun ton de voz máis elevado, sinalou que "nin foi un conflito o ataque do terrorismo á España das liberdades, nin cabe chamarlle conflito ao golpe de estado de 1981, nin tampouco hai conflito no reiterado desafío do independentismo catalán".

Por iso, coa mesma intensidade coa que se desexa "un pleno retorno á normalidade na Generalitat", reclamou que non se descarten as ferramentas contempladas na Carta Magna "para garantir a nosa democracia e o noso autogoberno".

Apuntou, así mesmo, que hai exemplos suficientes "de que a ruptura" de certos acordos trae consigo "efectos lamentables" e volveu a pór de exemplo aos galegos, "que falan, intercambian impresións e tamén discuten, pero sen deixar de estar xuntos".

Non son poucas as inquietudes, de feito, que ve para 2019 e, a tenor desta observación, lanzou a pregunta de se as mesmas poderían canalizarse ou resolverse "cunha sociedade fragmentada, enfrontada e carente de puntos de encontro".

"Coa democracia, galegos como nós decidiron facernos libres e responsables, conciliando dereitos e deberes e sabendo que o mundo real esixe doses adecuadas de idealismo e realismo, dous valores que personifica a figura de Gerardo Fernández Albor, que nos deixou neste ano 2018", reivindicou, cun recordatorio ao primeiro presidente democrático de Galicia.

Tamén dedicou boa parte da súa intervención, ao comezo e á conclusión, ao intelectual Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, do que se puido aprender, remarcou, "que as ideas excluíntes son a causa de episodios" como deixa ver na Cidade da Cultura a obra A derradeira leición do Mestre.

Núñez Feijóo insistiu en que "debemos sentirnos orgullosos do que significa que este cadro, que moitos consideran o Guernica galego, estea aquí, entre nós" posto que se converteu neste 2018 nun exiliado máis que volve á súa casa. Volve tarde, pero por primeira vez desde que Castelao o pintase en Bos Aires logramos que se poida ver en Galicia".

Volve tarde, pero por primeira vez desde que Castelao o pintase en Bos Aires logramos que se poida ver en Galicia

Con el, interpretou, o autor "quixo legarnos un testemuño e tamén unha advertencia: houbo un tempo terrible no que Galicia, como o resto de España, sufriu a traxedia da Guerra Civil e da posterior ditadura".

Sobre a mostra en si, dixo que provoca certa conmoción ver o ocorrido e, á vez, admiración por poder facelo grazas á liberdade e á reconciliación logradas na Transición, máxime "cando se trata de minimizar ou mesmo cuestionar" aquel fenómeno.

Convivencia, harmonía, cooperación, clamou, e esixiu que non sexan unicamente "desexos retóricos" porque a falta de entendemento "sempre tivo consecuencias negativas, pero nos tempos en que vivimos, as secuelas da incomunicación, da división e dos conflitos alimentados artificialmente son evidentes e graves".

A Comunidade galega non é inmune, pero si "portadora" dun bo exemplo, cunha sociedade cuxo proceder ve reflectido no Pórtico da Gloria, un éxito de visitas e aplausos, porque as figuras labradas en pedra polo Mestre Mateo forman "unha Galicia en miniatura que mantén unha animada conversación e, como motivo da obra que o faría inmortal, o artista elixiu un diálogo".

As ideas que inclúen, que suman, que acordan, son o mellor antídoto

O que Feijóo ve no presente nos asuntos concretos que afectan á xente, caso da violencia machista, a inclusión social e as dificultades económicas, dado que a pesar dunha "economía máis sólida" e a unha recuperación en vías de continuar consolidándose, "segue habendo galegos con desvelos para poder resolver problemas, problemas reais".

"Iso –continuou– é o que nos debe preocupar e ocupar, as cousas cotiás: a calidade dos servizos públicos, a defensa da igualdade, consolidar a creación de emprego, garantir futuro industrial, fortalecer o rural e o sector do mar, cumprir as expectativas da mocidade, combater a crise demográfica e prepararnos adecuadamente para oportunidades históricas como o próximo Xacobeo 2021".

A iso cominou a todos, e desexou saúde, prosperidade e que Galicia se manteña como un modelo de convivencia, toda vez, afirmou, que as ideas "que inclúen, que suman, que acordan, son o mellor antídoto" contra calquera problema. 

Comentarios