Ferida unha condutora tras precipitarse co seu coche a unha praia en Fisterra

Dous motoristas sufriron lesións en accidentes en Carnota e Moeche
Oficina do 112. ARQUIVO
photo_camera Oficina do 112. ARQUIVO

Unha condutora resultou ferida este domingo despois de caer co seu vehículo ao areal de Ribeira, no concello de Fisterra. Foi sobre as 17.15 horas cando varios particulares chamaron ao 112 Galicia para informar dos feitos.

Atendendo á información que facilitaron, o coche saíuse da vía e caeu á praia, preto da auga. E advertían de que a única ocupante do turismo necesitaba axuda.

A central do 112 activou un operativo de rescate que contou coa intervención do 061, dos Bombeiros de Cee, da Garda Civil de Tráfico e de Protección Civil. Tras liberar a muller, foi trasladada a un centro hospitalario.

MOTORISTAS FERIDOS. Varios accidentes, dous con motoristas implicados, mobilizaron na tarde do domingo os servizos de emerxencia. Un deles aconteceu en Carnota, onde un home resultou ferido de consideración nunha caída cando circulaba pola AC-550. Foi trasladado ao hospital para ser atendido.

Só uns minutos antes de que se rexistrase ese sinistro, que ocorreu sobre as 16.15 horas, un particular alertou ao 112 Galicia doutra caída dun motorista en Moeche, na estrada que conecta Balocos e A Somoza.

Algo despois, sobre as 18.15 horas, houbo outro accidente en Cabana de Bergantiños, na estrada a Laxe. O 112 tivo constancia ao recibir a chamada de alerta dos profesionais sanitarios.

Comentarios