Cinco feridos ao colisionar unha ambulancia e un turismo en Boborás

Dúas persoas que viaxaban no vehículo medicalizado tiveron que ser excarceradas polos bombeiros

Cinco persoas resultaron feridas na tarde deste luns nunha colisión entre unha ambulancia e un coche en Boborás.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, dúas das vítimas, que viaxaban no vehículo medicalizado tiveron que ser excarceradas polos Bombeiros do Carballiño.

Ata o lugar onde ocorreu o accidente, o punto quilométrico 31 da N-541, desprazouse o helicóptero medicalizado con base en Ourense, aínda que os feridos foron finalmente evacuadas en ambulancia.

Unha persoa particular contactaba co 112 Galicia ás 17.35 horas para dar conta do accidente. Desde a central de urxencias pasábase o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros do Carballiño, á Garda Civil de Tráfico e ao Ges de Avión.