Feridos dous operarios ao caer unha estada nas obras da Cidade da Xustiza de Vigo

CREATOR: gd-jpeg v1.0 (using IJG JPEG v80), quality = 90
photo_camera Persoal de urxencias nas obras. TVG

A caída dunha estada nas obras da Cidade da Xustiza de Vigo este martes deixou dous operarios feridos, I.D.L. e G.G.M. --de 41 e 38 anos--, que tiveron que ser trasladados ao Hospital Povisa en ambulancia.

Os feitos ocorreron sobre as 14.00 horas, cando un particular alertou ao 112 Galicia dun accidente laboral ocorrido na rúa Vázquez Varela. O servizo de urxencias puxo a situación en coñecemento de profesionais sanitarios, bombeiros e axentes da Policía Local e a Policía Nacional.

Unha vez na zona, comprobaron que os dous operarios resultaran feridos polo alcance dunha estada que caeu mentres a desmontaban coa axuda dun guindastre que recollía as partes retiradas, segundo fontes da Xunta.

O accidente ocorreu cando a base da estrutura se dobrou e os traballadores quedaron no medio. As mesmas fontes subliñan que, no momento do accidente, os traballadores portaban o arnés e o casco obrigatorios.

Os profesionais sanitarios atenderon no lugar dos feitos os dous homes, que se atopaban conscientes e foron trasladados ao Hospital Povisa en ambulancia.

Comentarios