O sindicato Confederación Xeral do Traballo (CXT) convoca para o mércores 31 de xullo a primeira folga das catro previstas ata o 1 de setembro en protesta polas taxas de reposición "ridículas" aprobadas polos ministerios de Facenda e Fomento.
Trátase da segunda folga que vivirán os servizos ferroviarios galegos este verán logo da xornada do 15 de xullo, convocada por CC.OO. e que provocou a cancelación de 62 trens de Ancho Métrico, Media e Longa Distancia con chegada ou saída desde Galicia.
Dúas semanas despois e coincidindo cunha nova fase da operación saída e retorno polas vacacións de verán, CXT chama ao paro o próximo 31 de xullo de 12,00 a 16,00 horas e de 20,00 a 24,00 horas.
Así, segundo recolle un comunicado difundido este sábado, CXT Renfe Galiza reclama un aumento das taxas de reposición de persoal que supoñan unha "mellora dos servizos" á cidadanía.
Deste xeito, denuncian que a falta de persoal ocasiona que "cada día aumenten as incidencias" nos trens, como avarías de aire acondicionado ou atrasos por problemas nos vehículos e falta de maquinistas.
CXT denuncia que a falta de persoal ocasiona que "aumenten as incidencias"
Ademais, tras alertar de que crecen os trens que circulan sen interventor, apunta que as cargas de traballo "están a desviarse" a empresas privadas en asuntos como a venda de billetes ou a reparación de trens.
Con todo, a deste mércores será a primeira das catro folgas convocadas por CXT a nivel estatal. Seguiranlle o 14 de agosto, 30 de agosto e o 1 de setembro.
A deste mércores será a primeira das catro folgas convocadas por CXT
Ante a folga, en todo o territorio nacional, Renfe cancelou 320 trens dos programados para este luns, 107 deles de AVE e Longa Distancia.
GALICIA. O novo parón afectará a case todos os galegos que habitúan a desprazarse en tren. A liña que conecta Ourense e A Coruña será onde máis se notarán as consecuencias do paro, posto que se cancelarán catro viaxes en cada sentido.
Na liña que conecta Ourense e A Coruña será onde máis se notarán as consecuencias da folga
Correrán mellor sorte os usuarios da liña A Coruña-Vigo, a máis utilizada da comunidade, que manterá operativas a maioría das frecuencias, pois apenas se cancelará un traxecto en cada sentido.