domingo. 24.10.2021 |
El tiempo
domingo. 24.10.2021
El tiempo

Un galego tras a app 'Peoople', que alcanza os 5 millóns de usuarios

App de Peoople. PEOOPLE
App de Peoople. PEOOPLE
O vigués David Pena alcanzou coa súa app 5 millóns de usuarios

Un galego, David Pena, é xunto co madrileño Gonzalo Recio un dos dous artífices da plataforma de recomendacións Peoople, que acadou os 5 millóns de usuarios distribuídos en 198 países.

Ambos aspiran a amasar con esta app ata os 150.000 usuarios diarios en Estados Unidos antes de que acabe o ano tras o éxito da súa expansión en Portugal e América Latina. O vigués David Pena explica a Efe que En Estados Unidos contan cun "par de socios locais fortes" e que a idea é empezar alí tras o verán."Temos case 20.000 usuarios localizados e queremos terminar o ano con entre 100.000 e 150.000 usuarios diarios", salienta.

Peoople é unha aplicación que permite aos seus usuarios coleccionar e recomendar todo tipo de servizos e produtos a través da súa plataforma coa finalidade de crear un espazo onde compartir experiencias e gustos. Esta start-up comezou a súa andaina hai tres anos e medio e actualmente conta con doce empregados e está presente en 32 países.

A expansión internacional da compañía comezou o pasado verán, fundamentalmente en México, e a principios deste 2020 traduciron a app ao portugués, ao francés e ao inglés. "En Portugal pegamos de escándalo, un millón de usuarios portugueses, 35 días seguidos como a app do seu tipo máis descargada. Iso contaxiouse a Brasil, onde temos uns 700.000 usuarios, e estamos a crecer en México, Perú, Colombia e Arxentina", enumera Pena.

As boas noticias fóronselle acumulando a Peoople, que, se o pasado xaneiro contaba cun millón de usuarios, viu como estes foron aumentando a un ritmo dun 42 por cento mensual. Tanto é así que Peoople converteuse na rede onde máis aumentou a frecuencia de visita, por diante de TikTok, Instagram ou Whatsapp.

"Non esperabamos un crecemento tan rápido", confesa Pena, que asegura que "fliparon" cando souberon por IAB, asociación que representa ao sector da publicidade e a comunicación dixital en España e "cuxos informes son moi respectados", que creceran máis que Tik Tok, "que está a crecer un huevo", admite sen andrómenas.

Non oculta Pena que puido axudar o peche pola pandemia do coronavirus, durante o cal se disparou a demanda de produtos de lecer ou entretemento, como series, libros ou música, algúns dos produtos que Peoople permite aos seus usuarios que recomenden aos seus amigos.

En realidade, a plataforma propón ata 14 categorías diferentes con recomendacións de restaurantes, apps, viaxes, libros, música, series, películas, videoxogos, beleza, moda, deportes, electrónica, xoguetes e xogos, e fogar. E parece que veu a encher un espazo nas apetencias dos usuarios: "a base das recomendacións é a boca a boca, e vimos que non había algo así en internet", sinala Pena.

"Está a funcionar moi ben porque era unha necesidade que existía", engade, e porque crearon unha app que "non só serve para conseguir información de consumo senón que tamén serve para entreter, para facer o proceso de compra ser máis divertido e social".

Un galego tras a app 'Peoople', que alcanza os 5 millóns de usuarios
Comentarios