O galego atrae mozos de todo o mundo mentres mingua en Galicia
Os cursos de Galego sen Fronteiras continúan outro ano máis na Facultade de Filosofía da USC chegando este 2025 á súa edición número 37.
Este ano as portas da universidade abríronse para 60 alumnos doutras comunidades e dunha vintena de países tales como Alemaña, Finlandia, Francia, Hungría, Arxentina, Uzbekistán, China, a India ou México.
Dende o día 3 ata o 24 de xullo —cando rematarán estes cursos organizados pola Real Academia Galega (RAG) e a USC—, os alumnos xunto cos seus mestres participan en todo tipo de actividades e conferencias para aprender sobre a cultura, a lingua, a historia e o patrimonio de Galicia.
As clases desenvólvense en tres niveis que se dividen en función do adiantados que estén os estudantes no coñecemento da lingua: elemental, medio e superior. Entre as actividades que se teñen celebrado figuran conferencias sobre, por exemplo, a fraseoloxía galega ou a emigración e ata se organizou unha excursión a Lugo para profundizar sobre a pegada dos romanos en Galicia.
A actual directora dos cursos e académica da RAG, María López Sández, destacou que a presenza dos alumnos nestes cursos sempre resulta "sorprendente e moi satisfactoria". Sinala que resulta "incrible reunir 60 persoas chegadas de todas as partes do mundo con este interese nos niveis medios e superior" e pon en valor o seu grao de coñecemento do idioma.
Temos participantes vidos de China que se interesan por aspectos da fonética galega", constata.
Apunta que, ademais de alumnos que chegan aos cursos por seren descendentes da emigración, hai moitos que se interesan " pola lingüística románica e que se decatan de que o galego é unha manifestación máis desa riqueza e desa diversidade de linguas que veñen do latín". Destaca, tamén, a importancia destes cursos á hora de unir aos centros galegos do mundo xa que cada un deles ten reservada unha praza para acudir aos cursos.
Como profesora nas aulas sorpréndese cada día ao escoitar, por exemplo, "galego con acento checo" e reflexiona sobre a "necesidade de validación" da "ollada externa para tomar conciencia do propio valor".
Henrique Monteagudo, catedrático muradano de filoloxía galega e presidente da Real Academia Galega foi mestre dos cursos de Galego sen Fronteiras dende o seu comezo, no ano 1988, ademais de ser director nos últimos dez anos. Conta que na década dos 90 e nos 2000 comezou a medrar a participación de xente con perfís máis diversos. Sinala que a chegada de persoas de todas as partes do mundo con interese no galego "é un reforzo para a autoestima".
"En ocasións quedaban con familias de aquí que os acollían e que lles falaban en castelán e, tras varias convocatorias, cando os cursos comezaron a saír nos medios, a propia xente de Santiago decatouse de que se podía falar galego, tanto nas pensións e nos restaurantes coma nas tendas.
É dicir, a xente vindo de fóra e interesándose pola nosa cultura, ensínanos que nós tamén podemos proxectarnos a través da nosa lingua cara ao exterior", reflexiona Monteagudo. Tamén sinala "a riqueza" que ten Galicia producindo "unha identidade" e unha "cultura" e que o feito de que a "persoas intelixentes e cultas e a estudosos de todo o mundo" lles chame a atención, "é unha forma de normalización da cultura".
Outro dos patróns que se repiten entre o alumnado é a boa acollida que din sentir en Galicia.
O presidente da RAG destaca que "Galicia é un país moi hospitalario" no que as persoas "se sorprenden" cando un rapaz estranxeiro tenta aprender sobre "a nosa cultura e a nosa lingua". "Por iso senten ese cariño", salienta Monteagudo.
As dúbidas dos alumnos levan á reflexión.
"Entenden o galego como unha riqueza que está en perigo de perderse e para eles é moi difícil de entender que haxa xente en Galicia que non fale galego. É o máis difícil de explicarlles. Daste conta de que normalizamos unha situación que, realmente, é anormal", conclúe o presidente da RAG.
"Quero quedar aquí e por iso aprendo galego, para achegarme máis á cultura"
Waqar Shahid chegou da India a Galicia fai dous anos e é filólogo hispánico. Actualmente traballa como auxiliar de conversación en inglés e destaca o seu interese nas linguas minorizadas.
"Na miña terra tamén existe esta problemática e é un tema que me interesa estudar no caso de Galicia", explica este mozo, que reflexiona sobre a importancia da lingua na súa relación coa cultura. "Creo que as persoas teñen que empezar a darlle importancia á súa lingua porque está directamente conectada coa cultura, é parte da identidade que pode perderse".
Waqar destaca o bo trato recibido alá onde viviu. Pasou por Carnota, Burela e Santiago para desenvolver a súa traxectoria laboral como profesor. E tamén confesa o seu desexo de quedar a vivir aquí e a súa paixón pola cultura e a música galegas.
Escoita grupos galegos de todo tipo, como The Rapants ou Leilía.
"Galicia ten unha historia enorme, moi interesante e por iso quero entendela"
Maftuna Sayitova, alumna dos cursos procedente de Uzbekistán, chegou a Galicia por primeira vez no 2019 para facer "prácticas de Erasmus". Agora, traballa como investigadora en Santiago e emprega como lingua vehicular para o traballo, o inglés.
"O galego paréceme moi importante para comunicarme coa xente de aquí e eu aprendino ao escoitalo", afirma. Froito do seu interese en recibir clases, atopou os cursos de Galego sen fronteiras aos que conta, rindo, que veñen persoas do mundo que falan galego entre elas. "Creo que Galicia ten unha historia enorme e moi interesante, por iso quero aprender a lingua para leer, entender á xente, saber máis da cultura e da literatura que me interesa moito", afirma.
Maftuna fala da súa experiencia aquí e destaca que espera "poder falar así algún día", co acento galego que lle recorda aos seus amigos galegofalantes e á vida en Santiago.
"O meu avó sempre falou galego comigo na Arxentina e así crecín tamén en Galicia"
A Facultade de Filosofía da USC acollía o pasado 14 de xullo, un acto no que o exalumno dos cursos Antón Rey presentou o libro Son galego acompañado polos seus amigos e antigos mestres, Henrique Monteagudo e Vicente Feijóo. O autor arxentino conta que o seu avó, procedente de San Xián de Torea, en Muros, emigrou a Arxentina no 1927 e que "só falaba galego" con el, xa que a súa muller asturiana e avóa de Antón, non llo permitía.
Cando este morreu, Rey deuse de conta de que el "tamén era galego" e quixo volver á súa terra buscar a súa familia muradana. Aínda lembra as palabras da curmá do seu avó e unha das protagonistas do seu libro: "Antón, ti es noso". "Aprendín ao mesmo tempo as provincias de Arxentina e o tema das parroquias, das aldeas... Vivía nunha realidade dual que aínda nunca vira e da que formaba parte", afirma o escritor.