Galicia en Común preséntase como "garantía" de que non haberá "fugas" de electorado progresista

Gómez-Reino, Noriega e Eva Solla lanzan a candidatura da coalición para o 5-A
Noriega, Gómez-Reino y Solla, este miércoles en Santiago. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Noriega, Gómez-Reino y Solla, este miércoles en Santiago. PEPE FERRÍN (AGN)

Case tres semanas despois de selar o acordo para unir forzas nunha coalición para as autonómicas e cando se comeza a debater sobre a posibilidade dun adiamento dos comicios pola crise do coronavirus, Podemos Galicia, Anova e Esquerda Unida presentaron este mércores a súa candidatura para as eleccións galegas, ás que acoden reivindicándose como "a garantía" de que non haberá "fugas" no electorado progresista de cara a buscar unha maioría alternativa ao PP. Comprometen, a partir de aí, un goberno "progresista e colaborativo" na Xunta. 

Este mércores, o candidato de Galicia en Común á presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino (Podemos); a cabeza de lista por Pontevedra, Eva Solla (EU), e o número tres pola Coruña, Martiño Noriega (Anova), participaron nun almorzo informativo que ofreceu a primeira imaxe conxunta dunha confluencia que se pechou in extremis o pasado 21 de febreiro. 

"Nunca é tarde", asegurou Gómez-Reino a preguntas dos medios, nunha comparecencia na que destacou que "o fundamental" era "estar á altura da responsabilidade histórica nun momento no que Galicia está moi preto do cambio político". 

Co "goberno progresista" como "exemplo das medidas que se teñen que adoptar" nun futuro Executivo autonómico alternativo, Gómez-Reino enxalzou que "a foto" coas referencias de Anova, Podemos e Esquerda Unida na candidatura "é unha moi boa noticia" porque "representan boa parte do caudal político de cambio deste país". Para o líder de Podemos en Galicia, a unión das tres forzas "foi unha das peores que tivo Feijóo nos últimos tempos", o que o levou a sentenciar que "o tempo" do líder do PPdeG á fronte da Xunta "terminou". 

Aseguran que desenvolverán a campaña de forma "complementaria e coordinada" entre todas as forzas aliadas

"Desde hai tempo hai en Galicia unha maioría social que pide un cambio", subliñou Gómez-Reino, que puxo como exemplo que "tres das sete cidades do cambio" entre 2015 e 2019 estaban en Galicia, en referencia aos gobernos das mareas que estiveron á fronte dos concellos de Santiago, A Coruña e Ferrol no pasado mandato municipal.

Un deses "alcaldes do cambio" foi Martiño Noriega, que ocupa o terceiro posto da lista de Galicia en Común-Anova-Mareas pola provincia da Coruña. Para o exrexedor compostelán, a coalición "atende unha demanda da cidadanía" e "continúa o relato" construído desde 2012 pola "esquerda alternativa". 

Coa "diversidade" como un elemento de forza ao unir "o soberanismo, o federalismo e o municipalismo", Noriega cre que Galicia en Común sela as "fugas" que poderían producirse entre o electorado progresista. "Se vai haber cambio político, será con este espazo", subliñou.

Pola súa banda, a número un por Pontevedra e coordinadora nacional de EU, Eva Solla, apelou a recoller o traballo realizado nos últimos oito anos no Parlamento de Galicia —primeiro con Alternativa Galega de Esquerdas e despois con En Marea e Grupo Común da Esquerda— en materia de "defensa" dos servizos públicos, os sectores produtivos ou a cultura. "Bebemos de todo iso e agora axuntámolo para elaborar o programa", asegurou Solla.

¿Adiamento electoral?
A coalición Galicia en Común-Anova-Mareas cre que a decisión de aprazar ou non as eleccións autonómicas previstas para o 5 de abril debe partir das autoridades sanitarias, que deben actuar como "árbitros" da crise aberta pola expansión do Covid-19. 

"A suspensión das eleccións non pode ser unha cuestión de oportunidade política", asegurou Martiño Noriega. "O fundamental non é a disputa electoral; é garantir a saúde do conxunto da cidadanía galega", apuntou Gómez-Reino.

Comentarios