Galicia contabiliza 324 mortes polo coronavirus

Parte de la fachada del Complejo Hospitalario Universitario de A Coruña (Chuac). CABALAR (EFE)
photo_camera Parte da fachada do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac). CABALAR (EFE)

A pandemia de Covid-19 cobrouse ata agora en Galicia a vida de 324 persoas, sumados os datos de complexos médicos e os das residencias de maiores, tamén as integradas.

Os últimos decesos, atendendo á información da Consellería de Sanidade, foron os dunha muller de 82 anos ingresada no Chus de Santiago, un home de 84 no Chuo de Ourense, dúas mulleres (de 50 e 74) no Álvaro Cunqueiro de Vigo e dous homes (de 86 e de 77) no Chuac da Coruña. Todos tiñan patoloxías previas, segundo a mesma fonte.

O Servizo Galego de Saúde ten a disposición da cidadanía a páxina web coronavirus.sergas.gal, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

A Consellería de Sanidade insta a cidadanía a empregar o número 061 só para emerxencias ou casos graves, e aconsella utilizar o número gratuíto 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Ademais, incide nas medidas de autoprotección e hixiene para tentar deter os contaxios, como o lavado frecuente de mans. Tamén hai que cubrirse o nariz e a boca cun pano --preferentemente de usar e tirar-- ao tusir ou esbirrar, e se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado.

É preciso, ademais, evitar tocarse os ollos, o nariz e a boca coas mans. 

Máis de 5.600 casos activos na comunidade
O balance publicado este venres pola Dirección Xeral de Saúde Pública revela que o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 5.631.

Do total, 1.151 corresponden á área da Coruña, 571 á de Lugo, 1.082 á de Ourense, 469 á área de Pontevedra, 1.074 á área de Vigo, 963 á de Santiago e 321 á de Ferrol.

España
A evolución do coronavirus encadea por terceiro día consecutivo unha baixada no número de casos en España, que alcanzan os 157.022 tras sumar 4.576 novos contaxios, e arroxa a cifra máis baixa de novos falecidos desde o pasado 24 de marzo, en concreto 605, o que supón un total de 15.843.

Comentarios