Galicia inicia a ponte do Pilar con 589 casos activos e un lixeiro aumento de ingresados

Os novos contaxios mantéñense en 33 e a taxa de positividade baixa a un 0,98 por cento 
 
Una sanitaria prepara pruebas PCR en Monforte. EUROPA PRESS
photo_camera Una sanitaria prepara pruebas PCR en Monforte. EUROPA PRESS

GALICIA. A comunidade galega afronta o inicio da ponte do Pilar con outro descenso dos casos activos de covid-19 que se sitúan en 589, mentres que aumenta lixeiramente a presión hospitalaria con 42 hospitalizados —catro máis que a xornada anterior—, e os novos contaxios mantéñense en 33. A taxa de positividad baixa a un 0,98 por cento no conxunto da comunidade galega. 

Seguen 10 persoas diagnosticadas con covid-19 ingresadas en Uci e aumentan a 32 as ingresadas noutras unidades —catro máis—, mentres que 547 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio. 

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta nas de Vigo, que segue sen paciente covid en Uci e rexistra seis noutras unidades de hospitalización —dúas máis— e A Coruña e Cee, que mantén catro en críticos e conta con 11 noutras unidades —dúas máis—. 

As outras cinco áreas sanitarias continúan sen cambios con respecto á xornada anterior. Deste xeito, na de Ourense segue un paciente covid en Uci e outro en planta; e na de Santiago e Barbanza mantense un en críticos e sete noutras unidades. 

A de Lugo segue con tres pacientes covid en Uci e catro noutras unidades; a de Pontevedra e O Salnés, cun en críticos e dous noutras unidades; e a de Ferrol cun único ingresado en planta por este coronavirus.

MENOS DE 600 CASOS.  A comunidade galega afronta o comezo desta ponte de outubro, o primeiro con Galicia en niveis de 'nova normalidade', con tendencia descendente dos casos activos que caen ata os 589, que implican 31 menos que os rexistrados a xornada anterior, ao haber máis altas (64) que contaxios (33). 

Por áreas sanitarias, as infeccións activas aumentan lixeiramente unicamente na da Coruña e Cee (+1), mentres que descenden nas outras seis coa de Pontevedra e O Salnés á cabeza (-8), seguida da de Lugo (-7), Vigo (-7), Santiago e Barbanza (-5), Ferrol (-4) e Ourense (-1).  Por iso, con máis casos activos de covid-19 segue a área da Coruña e Cee, con 161; seguida da de Ourense, con 112; Vigo, con 110; mentres que con menos dun centenar mantéñense a de Lugo, con 92; Santiago e Barbanza, con 63; Pontevedra e O Salnés, con 44; e Ferrol, con oito. 

Segundo os datos publicados polo Ministerio de Sanidade na tarde deste xoves, a incidencia de Galicia a 14 días redúcese a 19,02 casos por 100.000 habitantes.

CONTAXIOS SEN CAMBIOS. Os novos contaxios de covid-19 mantéñense por terceiro día consecutivo na trintena, con 33, os mesmos que a xornada anterior, fronte aos 31 do mércores, tras comezar esta semana con 28 e descender a 24 o martes. De novo os 33 positivos foron detectados por proba de infección activa nas últimas 24 horas, 14 deles na área da Coruña e Cee; sete, na de Vigo; cinco, na de Ourense; outros cinco, na de Lugo; un na de Santiago e Barbanza; e outro, na de Pontevedra e O Salnés, mentres que na de Ferrol non se rexistrou ningún. 

Deste xeito, en Galicia os contaxiados desde o inicio da pandemia ascenden a 182.502, dos cales 43.123 corresponden á área da Coruña e Cee; 37.660, á de Vigo; 26.957, á de Santiago e Barbanza; 21.755, á de Ourense; 21.432, á de Pontevedra e O Salnés; 19.950, á de Lugo; e 11.625, á de Ferrol. 

En toda a comunidade galega leváronse a cabo desde o inicio da pandemia 2.854.310 PCR, 1.911 probas máis que as contabilizadas ata o día pasado e unhas 640 máis que as feitas a xornada anterior. 

En canto á taxa de positividade das probas PCR —número de infeccións detectadas cada 100 test— descendeu a un 0,98 por cento, tras aumentar a un 1,5% o día anterior, logo de descender ao 0,48% o mércores, situarse nun 0,65% o martes e arrincar a semana cun 1,3%. Por iso, segue por baixo do 5% que a OMS determina como limiar para considerar controlada a pandemia.

FALECIDOS E CURADOS. As persoas falecidas diagnosticadas con covid-19 desde o inicio desta pandemia en toda Galicia mantéñense en 2.640 ao non notificar este xoves a Consellería de Sanidade novas vítimas. Mentres, 179.307 persoas diagnosticadas de covid-19 curáronse na comunidade galega desde o comezo desta crise sanitaria, que supoñen 64 máis que as rexistradas ata o día anterior. 

Comentarios