Galicia perderá case 180.000 habitantes en 15 anos, segundo o Ine

A poboación residente na comunidade baixaría a 2.523.98 en 2035, segundo o INE 

Galicia perdería 178.257 habitantes nos próximos 15 anos se se manteñen as tendencias demográficas actuais, de acordo coa proxección que publica este martes o Instituto Nacional de Estadística (Ine). 

En concreto, estas proxeccións sitúan en 2.523.98 a poboación residente na comunidade galega a 1 de xaneiro de 2035, cando na mesma data deste ano o dato alcanza as 2.702.244 persoas. Iso implicaría un descenso do 6,6%. 

Esta diminución concentraríase no saldo vexetativo, o que resulta entre nacementos e falecementos, que sería negativo en 18.856 persoas en 2024, en 20.053 en 2029 e noutras 20.324 en 2034. 

Mentres, con datos positivos (5.116 en 2024, 7.695 en 2029 e 9.629 en 2034) situaríase o saldo migratorio co estranxeiro e tamén o saldo migratorio interautonómico (531, 977 e 1.342, respectivamente).

DATOS ESTATAIS. Pola súa banda, España gañaría case un millón de habitantes nos 15 próximos anos e máis de tres millóns ata 2070 se se mantivesen as tendencias demográficas actuais, nun contexto no que a poboación de 65 e máis anos suporía o 26,5% do total 2035, segundo as proxeccións de poboación para 2020-2070 publicadas polo INE. 

Segundo estas proxeccións, nos 15 próximos anos España gañaría 954.497 habitantes (un 2,0%), ata superar os 48 millóns de persoas en 2035. En 2070 a poboación alcanzaría os 50,6 millóns, cun incremento de 3,2 millóns de persoas. 

O INE precisa que o progresivo e ininterrompido aumento das defuncións, sempre superior ao número de nacementos, daría lugar a un saldo vexetativo negativo durante todo o período proxectado, que sería superado polo saldo migratorio positivo, o que provocaría un aumento de poboación durante todos os anos do período proxectado. 

O aumento de poboación deberíase xa que logo, exclusivamente, á migración internacional, o que produciría que a poboación nacida en España diminuiría e pasaría de representar o 85,2% do total a un 66,8% dentro de 50 anos. 

En canto ao número de nacementos, seguiría reducíndose ata 2027, continuando coa tendencia iniciada en 2009. No entanto, o INE precisa que, a partir de 2028, os nacementos poderían comezar a aumentar debido á chegada ás idades de maior fecundidade de xeracións cada vez máis numerosas, en concreto, as nadas a partir da segunda metade dos anos 90. A pesar diso, os nacementos sempre estarían por baixo das defuncións. 

A esperanza de vida ao nacemento alcanzaría en 2069 os 85,8 anos nos homes e os 90,0 nas mulleres, cunha ganancia de 4,9 e de 3,8 anos, respectivamente, respecto dos valores actuais. Pola súa banda, a esperanza de vida para as persoas con 65 anos en 2069 sería de 22,5 anos para os homes (3,8 máis que actualmente) e de 26,3 para as mulleres (3,6 máis). 

A pesar da maior esperanza de vida, o número de defuncións continuaría crecendo ata alcanzar un máximo en 2063. Para o ano 2020, a proxección estima un total de 466.583 defuncións, fronte ás 415.070 do ano 2019. Pola súa banda, en 2034 produciríanse 482.132 falecementos entre os residentes en España e en 2069 alcanzaríanse as 641.867 defuncións. 

Comentarios