Galicia sofre no arranque da primavera o seu primeiro gran incendio desde a vaga de lumes de 2017

O lume sen control arrasa polo menos 850 hectáreas en Dodro e Rianxo, mentres a Comunidade rexistra unha vintena de incendios en dous días

Dos bomberos apagan un foco del incendio de Rianxo.LAVANDEIRA
photo_camera Dous bombeiros apagan un foco do incendio de Rianxo.LAVANDEIRA JR. (Efe)

O gran incendio forestal que afecta os municipios coruñeses de Dodro e Rianxo supón o primeiro desta categoría (a partir de 500 hectáreas calcinadas) en Galicia desde a vaga de lumes de 2017.

O lume iniciouse ás 20.09 horas do luns na parroquia de San Xoán de Laíño, en Dodro (A Coruña), por mor dunha faísca dun cable de alta tensión, segundo a principal hipótese que baralla o Goberno galego. A partir de aí a súa propagación foi moi rápida até alcanzar ao municipio veciño de Rianxo debido ao forte vento do nordés.

Segundo as últimas estimacións provisionais da Consellería de Medio Rural van máis de 850 hectáreas arrasadas e o lume segue sen control. Foi necesario decretar a situación dúas pola proximidade a vivendas no núcleo de Meiquiz, na parroquia rianxeira de Leiro. Así mesmo, o instituto Félix Muriel e unha escola unitaria de Rañó tiveron que ser desaloxadas.

O propio conselleiro de Medio Rural, José González, informou o mes pasado na Cámara de que en todo 2018 arderon 2.608 hectáreas en Galicia, o que supón pouco máis do triplo que o calcinado (segundo cifras provisionais) no lume de Dodro e Rianxo.

Se se toma como base a información pública que emite a Consellería (informa de lumes de máis de 20 hectáreas) ningún excedeu as 500 hectáreas desde a onda de outubro de 2017, que deixou catro falecidos e unhas 50.000 hectáreas queimadas.

De feito, traballadores de Seaga (empresa pública dependente de Medio Rural) sosteñen que no que vai de 2019 queimáronse máis hectáreas que en todo 2018. Por iso, quéixanse de que os seus 500 efectivos se atopen "en casa" e que non se contara cos empregados do distrito IV, no que se atopa o lume de Dodro e Rianxo.

OS MEDIOS AÉREOS DEIXAN DE OPERAR POLA NOITE

Nos traballos de extinción do lume de Dodro e Rianxo participaron, entre outros medios, catro avións e sete helicópteros que deixan de operar coa chegada da noite, así como 200 operativos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) –en dúas quendas de 100 persoas–.

Ningunha vivenda viuse afectada, aínda que houbo risco para varias delas ao longo da xornada, en especial no lugar de Meiquiz, na rianxeira parroquia de Leiro. A situación acougouse pola tarde por unha menor intensidade do vento, aínda que o máis complicado para conseguir controlar o lume prodúcese na parroquia de Isorna.

Todo iso, mentres os veciños relatan as horas de "pánico" e "medo" vividas en lugares como Meiquiz e Cabanas. Algúns decidiron abandonar as súas casas a pesar de non ser desaloxados debido ao ambiente irrespirable que se vive polo fume, mentres que outros resisten: "Hai que axudar".

Moitos lembran a vaga de lumes que afectou a esta zona da comarca do Barbanza hai 13 anos. "Aínda lembro o incendio do 2006. Nunca esquecerei aquel 6 de agosto. O medo é o mesmo, porque tamén case chegou ás casas", relatou Sousa, que con máis de setenta anos xa sufriu varios incendios ao longo da súa vida.

UNHA VINTENA DE LUMES EN DOUS DÍAS

O conselleiro de Medio Rural, José González, informou de que Galicia rexistrou entre o luns e o martes unha vintena de lumes, "a maioría intencionados".

Estes lumes afectaron principalmente á provincia da Coruña. Entre eles, quedou extinguido o incendio declarado na parroquia de Freixo, no municipio coruñés das Pontes de García Rodríguez, que afectou a unha superficie de 21,9 hectáreas.

Ademais, no municipio de Lousame declarouse a medianoite entre o luns e o martes un lume con tres focos na parroquia de Tállara, que saltou até o municipio de Noia. Pasadas as 20.00 do martes o incendio quedou extinguido após queimar 78 hectáreas e despois de facer pasar unha "noite horrible e dura" aos veciños, en palabras da alcaldesa, Teresa Villaverde.

CRÍTICAS DE EN MAREA E BNG Á XUNTA 

Os grupos con representación na Cámara galega trasladaron durante o pleno a súa solidariedade este martes aos veciños dos municipios de Dodro e Rianxo. Todos eles recoñeceron o labor dos medios de extinción.

Con todo, Xosé Luís Rivas (BNG) aproveitou para denunciar as "políticas erradas" do Goberno galego en materia de loita contra os incendios e Davide Rodríguez (En Marea) considerou que os rexistrados estes días mostran que as medidas saídas da comisión de investigación dos incendios que a Xunta vende como "máxicas" non serven "para nada" e deixan a Galicia outra vez "a mercé de que chova". 

Comentarios