Galicia suma dúas mortes máis e eleva os falecidos con coronavirus a 643

Sanidade contabiliza 156 casos activos máis nas últimas horas 
Pasillos do Hula. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Pasillos do Hula. VICTORIA RODRÍGUEZ

Galicia continúa incorporando casos activos de Covid-19, coa suma de 156 máis nas últimas vinte e catro horas -55 deles na área sanitaria de Lugo-; co cal o número total de afectados este luns é de 3.640. 

O global de falecidos subiu a 643 tras dous novos decesos, informou no seu balance a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. Trátase dun usuario de 90 anos da residencia do Incio que estaba ingresado no Hula e unha muller de 89 hospitalizada en Cee. 

Nas residencias de maiores, o número de afectados entre usuarios é de 138 e a maioría concentrados no xeriátrico do Incio; mentres que o total de traballadores destes centros contaxiados é de 53, dous máis respecto da xornada previa.

Resulta relevante a situación do xeriátrico do Incio, onde un sétimo residente neste centro, de 90 anos, morreu de covid este luns no Hospital Lucus Augusti, segundo confirmou a Consellería de Sanidade da Xunta, falecemento que se produce ao día seguinte de notificarse outra vítima mortal da pandemia entre os internos do centro, unha muller de 93 anos. O xeriátrico atópase intervido pola Xunta desde o pasado día 20 de agosto debido ao contaxio masivo. Tras sopesar a situación, as Consellerías de Sanidade e de Política Social, coordinadamente, decidiron proceder de tal modo para garantir a calidade asistencial e a correcta protección da saúde de residentes e traballadores do centro.

Seguindo coas cifras da comunidade, entre os infectados totais en Galicia, 17 persoas -esta cifra mantense- atópanse ingresadas na UCI e outras 124 en unidades convencionais de hospitalización; mentres que o resto (3.399) permanecen nos seus domicilios. 

Por áreas sanitarias, a máis castigada segue sendo a da Coruña, onde se rexistraron 1.392 casos, dez máis.

Tras A Coruña, a maior afectación dáse na área sanitaria de Lugo, con 730 casos, 55 máis; á que seguen Santiago, que experimentou nos últimos días un repunte de casos e conta con 582 (42 máis); Ourense, con 340 (16 máis); Vigo, con 237 (23 máis); Pontevedra con 226 (oito máis) e por último Ferrol, con 133 (dous máis).

As autoridades sanitarias informan o comunicado remitido á prensa de que xa se curaron 12.671 persoas.

O número probas PCR acumulado elévase a 335.554. 
 

Comentarios