A Garda Civil custodia o patrimonio de Meirás á espera do inventario

Esta medida chega  tras facer público os Franco a súa intención de trasladar bens do pazo
Esculturas de Abraham e Isaac. EP
photo_camera Esculturas de Abraham e Isaac. EP

Unha patrulla da Garda Civil custodia o patrimonio do Pazo de Meirás, supervisando as entradas e saídas ao inmoble, á espera de que leve a cabo o inventario ordenado polo Xulgado de Primeira Instancia número un da Coruña, tras a petición exposta a este respecto pola Avogacía do Estado. 

Para garantir o cumprimento da resolución, o Xulgado requiriu este luns á Garda Civil que establecese un dispositivo de vixilancia no inmoble. O mesmo xa se dispuxo hai uns días, segundo informou antes de coñecerse a decisión xudicial a Delegación do Goberno, tras facer público o Franco a súa intención de trasladar bens do pazo. 

A xuíza acordou, a instancias do Estado este luns, a realización dun inventario dos bens existentes, tanto no interior como no exterior do inmoble tamén coñecido como Torres de Meirás. 

Mentres que non estea finalizado e a xuíza non o autorice expresamente, a familia Franco non pode trasladar ou retirar ningún tipo de ben da leira. 

O inventario, que se elaborará coa colaboración dos técnicos da Consellería de Cultura da Xunta, comezará a realizarse este mércores, día 11, ás 10.30 horas, baixo supervisión da comitiva xudicial.

O BNG PIDE AO GOBERNO MEDIOS. Por outra banda, o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, instou ao Goberno a destinar "os medios humanos e materiais necesarios para vixiar o cumprimento da medida cautelar imposta polo xulgado". 

Faio de face a asegurar "que non se substraen bens do interior do Pazo de Meirás antes da realización do inventario que catalogue os bens que contén". 

"E evitar que a familia Franco retire sen control obxectos que eles consideran da súa propiedade, pero que pertencen ao pobo galego", cita aludindo ao feito de que en Meirás estea parte da biblioteca da escritora Emilia Pardo Bazán ou as estatuas de Isaac e Abraham do Pórtico da Gloria. 

Comentarios