Un equipo de especialistas en reconstrución en accidentes da Garda Civil, desprazado desde Mérida, atópase desde primeira hora da mañá na AP-9, á altura de Teis, onde o pasado 29 de maio faleceron tres adolescentes nun tráxico sinistro.
Os axentes efectuaron numerosas tomas de datos, mostras, medicións e desde as 12.30 horas efectúan unha reconstrución cun turismo similar ao accidentado -un Peugeot 206-, para ter referencias do rozamiento da vía, velocidade posible, causas que puideron incidir na saída de vía e demais factores que terán que ser posteriormente sometidos a unha rigorosa análise mediante un complexo software informático.
O tenente xefe do equipo desprazado, Alfonso García, asegurou que o resultado do seu informe "podería demorarse varias semanas e incluso meses, en función da complexidade dos datos solicitados".
A esta circunstancia súmaselle o descanso vacacional, co cal as conclusións, que serán dunha elevada fiabilidade para decidir que foi o que ocorreu realmente, non estarían ata o mes de setembro.