O goberno da Coruña lamenta os enfrontamentos cos okupas e destaca o esforzo para evitalos

Os socialistas reclaman "explicacións" ao rexedor Xulio Ferreiro 

Enfrontamento entre a Policía e membros da Insumisa na Coruña. CABALAR (EFE)
photo_camera Enfrontamento entre a Policía e membros da Insumisa na Coruña. CABALAR (EFE)

A concelleira de Seguridade Cidadá do Concello da Coruña, Rocío Fraga, lamentou os enfrontamentos rexistrados este mércores entre okupas e axentes da Policía Local e Nacional, aínda que subliñou "o esforzo feito durante meses, por todas as partes, para evitalos". 

En rolda de prensa, manifestou o "profundo pesar" do goberno local pola existencia de persoas feridas, aínda que indicou que o dispositivo policial que se estableceu estaba dirixido só a "custodiar un ben de dominio público". "En ningún caso a desaloxar nin a cargar contra ningunha persoa". 

Rocío Fraga, que compareceu acompañada polo concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, e da edil de Participación, Claudia Delso, asegurou que levaban "meses" traballando para evitar "a situación vivida este mércores", dixo tras uns incidentes que comezaron cun enfrontamento entre Policía Local e okupas e posteriormente coa Policía Nacional. 

O goberno local asegura que o dispositivo policial estaba dirixido a "custodiar un ben de dominio público". "En ningún caso a desaloxar nin a cargar contra niguén"

Ademais, fixo un chamamento "á tranquilidade e a calma co obxectivo de que a tensión non se incremente". De novo, insistiu que vencera o prazo notificado aos okupas e que a antiga Comandancia de Obras recuperouse ao constatar que estaba baleira.

RESPOSTA DO PSOE. Mentres, o grupo municipal socialista solicitou que se convoque a Comisión de Seguridade do Concello da Coruña coa finalidade de que o alcalde, Xulio Ferreiro, "poida dar as explicacións oportunas sobre o ocorrido no desaloxo da Comandancia de Obras. 

Para o portavoz socialista, José Manuel García, "Marea Atlántica debe trasladar aos grupos municipais os datos e as accións adoptadas esta semana, unha vez se complete a recuperación das instalacións". 

Comentarios