lunes. 17.01.2022 |
El tiempo
lunes. 17.01.2022
El tiempo

O Goberno envía a Galicia 602.000 máscaras para repartilas entre a poboación desde o luns

Generated by  IJG JPEG Library
Unha caixa con máscaras. EP
Están destinadas a persoas que teñan que desprazarse ao traballo en sistemas de transporte nos que sexa complicado manter a distancia de seguridade

O Goberno entregou a Galicia 602.000 máscaras que empezarán a distribuírse a partir deste luns para aquelas persoas que teñan que desprazarse en transporte público para traballar.

Nun comunicado, a Delegación do Goberno en Galicia informa de que se repartirán 74.000 unidades na provincia de Lugo, 250.000 na da Coruña, 210.000 en Pontevedra e 68.000 en Ourense.

Os dez millóns de máscaras, adquiridas e xestionadas polo Goberno, chegaron ao país vía aérea o venres pola noite para a súa repartición e entre este sábado e este domingo organizáronse as rutas para a súa distribución, que en Galicia está a coordinar a Delegación do Goberno coas subdelegacións.

O Ministerio de Sanidade recomenda o uso de máscaras para aqueles traballadores que non poidan teletraballar nin desprazarse en vehículo particular, en bicicleta ou a pé e teñan que utilizar medios de transporte público cunha importante afluencia de persoas.

Repartirán as máscaras efectivos de Protección Civil coa participación das forzas de seguridade

A distribución no conxunto de España realizarase este luns e martes, ou este martes e mércores, en función da finalización do período de Semana Santa nas distintas comunidades.

As máscaras estarán dispoñibles "exclusivamente" para aquelas persoas que teñan que desprazarse aos seus postos de traballo "en sistemas de transporte nos que sexa máis complicado manter a distancia de seguridade", apunta a Delegación do Goberno

A repartición de máscaras realizarase por parte de efectivos e voluntarios de Protección Civil coa participación das forzas e corpos de seguridade.

De forma paralela, a partir deste luns, reforzarase a presenza de axentes nos nodos de transporte para realizar as comprobacións pertinentes para vixiar que os movementos sexan só os permitidos polo real decreto de estado de alarma. 

O Goberno envía a Galicia 602.000 máscaras para repartilas entre a...
Comentarios