O Goberno paraliza a poxa de Pena Grande e accede a que se ceda ao Concello de Vilalba

Fernán Vello decidiu dirixirse directamente ao Ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, para trasladarlle a demanda deorganizacións culturais e colectivos diversos

 

Abrigo de Pena Grande, en Santaballa. CRISTINA PÉREZ
photo_camera Abrigo de Pena Grande, en Santaballa. CRISTINA PÉREZ

O Goberno paralizou a poxa dos terreos nos que se atopan os xacementos arqueolóxicos de Pena Grande, situados na parroquia de Santaballa, en Vilalba. O Executivo accedeu, ademais, a ceder gratuitamente os terreos ao Concello de Vilalba.

Así o confirmou o deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, encargado de presentar varias iniciativas no Congreso para paralizar esta poxa, que se iba celebrar o 15 de decembro. Ante a proximidade da data, o deputado decidiu dirixirse directamente ao Ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, no pleno do Congreso.

"Esixinlle en nome de En Marea retirar de imediato a poxa destes terreos e proceder a cedelos ao concello de Vilalba ou á Xunta a fin de poñelos en valor", asegura o deputado, que afirma que Montoro "amosouse receptivo" e aseguroulle que faría xestións canto antes para solucionalo.

O deputado de En Marea por Lugo quere amosar a "súa satisfación por ter conseguido parar un auténtico despropósito"."Estaba en xogo o noso patrimonio, os nosos vestixios do Paleolítico, que ían ser vendidos sen ter en conta o seu alto valor histórico e cultural".

Neste sentido, agradeceu a receptividade do ministro que foi quen de escoitar a demanda de En Marea, que lle trasladou demanda de organizacións culturais e colectivos diversos –como Cultura do País– "para que se paralizase unha barbaridade tecnócrata".

Comentarios