Guerra Caballero-Ryanair: o Concello de Vigo xa negocia con outras compañías

Vigo rexeita as "esixencias" da compañía para operar os voos a Londres, Dublín e Barcelona

Avións da compañía Ryanair. EFE
photo_camera Avións da compañía Ryanair. EFE

O goberno local de Vigo iniciou contactos con varias aerolíneas ante as esixencias que Ryanair puxo sobre a mesa na negociación para operar os voos entre o aeroporto de Peinador e Londres, Dublín e Barcelona.

O alcalde, Abel Caballero, explicou en rolda de prensa que a compañía irlandesa pretende que nas bases do concurso público que está en fase de elaboración non estea asegurado que ditos voos saian desde Vigo, como tampouco os destinos nin as frecuencias.

"Non imos transixir ante ninguén que non dea garantías absolutas da cobertura" que pretende o goberno local con este concurso, porque "unha vez feito o contrato poderían deixar de voar desde Vigo. Iso é algo que non vai suceder", garantiu.

"Se Ryanair decide non concursar, farano outras", pechou Caballero, quen remitiu á compañía ante un eventual prexuízo aos clientes que compren voos operados por esta para os próximos meses. Ryanair voa desde Peinador a Barcelona, Londres e Dublín.

Comentarios