Implantan por primeira vez unha pata biónica a un can en Galicia

Zeta, que sufría unha displasia de cadeira, foi intervida nun hospital veterinario de Arteixo para colocarlle unha prótese de titanio

El perro, con su pata biónica. 4 DE OCTUBRE
photo_camera El perro, con su pata biónica. 4 DE OCTUBRE

O Hospital Veterinario 4 de Outubro, de Arteixo, implantou por primeira vez en Galicia unha pata biónica a un can. Trátase dunha pastor alemán de cinco anos e chamada Zeta que sufría unha displasia de cadeira, unha enfermidade dexenerativa que lle causaba coxeira e moitas dores. 

En rolda de prensa, os responsables do centro veterinario explicaron que a intervención consistiu en substituír a articulación enferma por unha prótese articular mecánica de titanio, que lle permitirá facer unha vida normal. 

"Logo de comprobar que non respondía o tratamento habitual con analxésicos e antiinflamatorios, decidiuse que a mellor opción para o paciente era a cirúrxica", explicou sobre este caso Andrés Somaza, responsable da Unidade de Traumatoloxía do hospital. 

A intervención para substituírlle a Zeta a súa articulación enferma por unha de titanio durou case tres horas

A intervención cirúrxica durou case tres horas e consistiu en substituírlle a Zeta a articulación enferma por unha prótese de cadeira de titanio personalizada e formada por tres pezas intercambiables. 

Tras esta intervención, a directora do Hospital Veterinario 4 de Outubro, Paloma González de Ramos, anunciou que o complexo veterinario coruñés xa iniciou o proceso para formar a profesionais neste tipo de intervencións. 

"O noso obxectivo é que Galicia dispoña dunha unidade veterinaria especializada en implantar este tipo de prótese e que se poida facer de forma habitual", engadiu.

Comentarios