Incautados case 90 quilos de marisco en Ferrol e Barallobre en operativos contra o furtivismo

A ostra e a ameixa comisada tería un valor estimado no mercado duns 530 euros

Axentes do Servizo de Gardacostas, dependente da Consellería do Mar, desenvolveron este xoves en Ferrol e Barallobre dous operativos contra o furtivismo que se saldaron coa incautación de tres embarcacións, dez  aparellos de pesca e 88 quilos de marisco.

Segundo informou a Xunta, un dos operativos realizouse en colaboración co servizo marítimo da Garda Civil da Coruña na costa do peirao de Caranza, en Barallobre. Nel, os axentes incautáronse dunha embarcación e oito útiles de pesca e comisaron 75 quilos de ostra plana a persoas que carecían de permiso de explotación.

Noutra actuación, desenvolvida polos gardacostas no espigón do porto de Ferrol, os axentes incautáronse de dúas embarcacións, dous raños e 13 quilos de ameixa.

A aprehensión fíxose porque as embarcacións estaban a faenar de noite, en horario prohibido. A ostra e a ameixa comisada en ambos os operativos tería un valor estimado no mercado de ao redor de 530 euros.

Comentarios