Controlado o incendio nunha nave industrial en Catoira

Arderon 32 sacos duns mil quilos de fariña de peixe

O incendio declarado este domingo en Catoira nunha nave industrial que contén fariña de peixe quedou controlado tras varias horas de traballo. O lume afectou ao interior, sen que se rexistrasen danos persoais.

Os servizos de emerxencia desprazados tratan de sufocar o lume, no lugar de Portocanles, na parroquia de Dimo. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, arderon trinta e dous sacos duns mil quilos cada un. A estrutura da nave non se viu afectada.

Foi unha persoa particular quen contactou co 112 Galicia ás 11.05 horas para alertar do incendio. Nada máis recibir o aviso, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros do Salnés, de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, do GES de Padrón, da Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil da localidade.