viernes. 22.10.2021 |
El tiempo
viernes. 22.10.2021
El tiempo

Investigan outros cinco empresarios do Deza por unha fraude en cursos de formación

A Garda Civil calcula por agora irregularidades por un valor de máis de 661.000 euros nunha trintena de cursos dunha vintena de empresas

A Garda Civil notificou este luns a súa condición de investigados a cinco novos empresarios da comarca do Deza por suposto fraude na organización de cursos de formación financiados con fondos públicos.

Con estas novas investigacións, o equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Lalín informa de que amplía o ámbito das actuacións que se realizaron ata a data no marco da denominada operación Qatedra, ao redor de posibles cursos pantasma, aberta por mor dunha denuncia da Axencia Tributaria. 

Ás cinco persoas investigadas, do mesmo xeito que ao resto dos implicados nesta operación relacionada con cursos de formación, están acusadas dos supostos delitos de: fraude e exacciones ilegais, falsificación de documento público e mercantil, estafa, e pertenza a grupo criminal. 

As investigacións comezaron en marzo do 2015 por mor dunha inspección levada a cabo pola Axencia Tributaria a unha consultoría con sede social na comarca do Deza, na que se deducían posibles irregularidades en cursos de formación subvencionados pola Xunta de Galicia e a Unión Europea. 

Están acusados dos delitos de fraude e exacciones ilegais, falsificación de documento público e mercantil, estafa e pertenza a grupo criminal

O caso foi asignado no seu día, por conduto da Fiscalía, ao xulgado de instrución número 1 de Lalín que é quen o instrúe, xunto co equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Lalín que é o encargado de investigalo. 

En agosto do 2015 producíronse as primeiras actuacións que levaron á detención dos dous socios e unha traballadora da consultora e desde entón practicáronse, ata a data, a detención doutras 28 persoas, todas elas relacionadas con cargos de administración ou responsables das empresas supostamente implicadas na fraude, que foron as que en definitiva solicitaron, a través da consultora, as subvencións dos cursos que non chegaron a realizarse. 

No marco desta operación, segundo destaca a Benemérita "especialmente complexa" pola cantidade de empresas e persoas implicadas, o equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Lalín leva fiscalizadas ata o momento un total de 714 empresas da comunidade autónoma galega, de distintos ámbitos e sectores, e revisados máis de 2.000 cursos, cos seus respectivos alumnos.

"Como resultado desta laboriosa xestión de fiscalización e logo de tomar manifestación a máis de medio centenar de traballadores das empresas supostamente implicadas na fraude, a Garda Civil considera que ata o momento detectáronse irregularidades en algo máis de trinta de cursos e nunha vintena de empresas", resalta. O montante económico da fraude cífrao en máis de 661.000 euros.

SEGUNDA FASE. Con estas novas actuacións, a Garda Civil indica que inicia a explotación da segunda fase da operación coa investigación de cinco persoas con cargos de responsabilidade noutras dúas empresas supostamente relacionadas coa fraude. 

Estas persoas deberán comparecer no xulgado cando sexan citadas, acusadas dos mesmos delitos. A operación continúa aberta e non se descarta que nos próximos días haxa novos investigados en distintas localidades da comunidade autónoma. 

Investigan outros cinco empresarios do Deza por unha fraude en...