O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, valora pedir "amparo" ao Goberno español e á Unión Europea ante a "discriminación nunca vista" que supón que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, se dirixise por carta aos rexedores de todas as cidades galegas, salvo a el.
A través dun comunicado, Jácome considera "de extrema gravidade" que o recentemente relegido titular do Executivo galego "exclúa" a Ourense deste envío de misivas para ofrecer a súa "colaboración" ás urbes de Santiago, Lugo, Pontevedra, A Coruña, Ferrol e Vigo e ao presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela.
Tras coñecer a noticia, o rexedor ourensán expresa que quedou "de pedra" porque resulta "difícil de crer". "De ser así, estariamos ante unha discriminación nunca vista na historia de Galicia", asevera a continuación.
Neste sentido, Jácome lembra que Feijóo é o presidente "de todos os galegos", independentemente "de quen sexa o alcalde". "Se realmente esa discriminación de Ourense se fai por ser eu o alcalde", continúa o líder de Democracia Ourensana, "estariamos ante un feito inédito" que estaría "a prexudicar á terceira cidade de Galicia e aos seus habitantes".
Por estes feitos que tentará "non permitir", Jácome asevera que valora pedir "amparo" tanto ao Goberno español como á Unión Europea.
CRISE NO GOBERNO DE OURENSE. Cabe lembrar que este venres a corporación municipal do Concello aprobou unha moción para instar a Jácome a dimitir. A iniciativa, promovida polo BNG, contou co voto a favor dos concelleiros do PP, con quen até esta semana gobernaba en coalición, e os membros críticos do seu propio partido. Tan só votaron en contra o rexedor e o único integrante de Democracia Ourensá que lle é leal, Armando Ojea.
Ante esta situación de crise que vive a capital provincial, Feijóo dixo este venres que se el "estivese na situación do alcalde", dimitiría: "Sen grupo maioritario, sen poder tomar decisións e acordos, nin reunir á comisión de goberno, eu non sería un estorbo para a cidade á que tanto quero e temos que servir".