Juan Picos: "Galicia está lista para liderar o uso da madeira de coníferas en proxectos grandes"

O encontro internacional sobre innovación no eido das coníferas, Piñeiros 24, reunirá o martes en Santiago a profesionais do sector forestal. Un deles é este enxeñeiro de montes que compartirá os retos que afronta Galicia, como impulsar a xestión cooperativa do monte e o aproveitamento sostible dos piñeirais
Juan Picos, profesor da Escola de Enxeñaría Forestal da UVigo. EP
Juan Picos, profesor da Escola de Enxeñaría Forestal da UVigo. EP

O foro Piñeiros 24, organizado pola Fundación Arume, atraerá o próximo martes á Cidade da Cultura, en Santiago, a expertos internacionais do sector forestal e da innovación no eido das coníferas con preto de 300 persoas inscritas e con Francia como país coprotagonista. Juan Picos, profesor da Escola de Enxeñaría Forestal da UVigo, comparte a súa visión sobre a evolución dos montes galegos e os retos e as oportunidades para Galicia no contexto da bioeconomía.

Que cambios máis significativos observou na xestión dos montes galegos nos últimos anos e cales son as principais ameazas?
Aínda é cedo para que o Inventario Forestal Continuo identifique grandes cambios, xa que levamos observando dende 2021. A primeira cartografía publicouse en 2022, e estamos procesando os datos de 2024. Nas últimas décadas, hai dous procesos: a urbanización da sociedade galega ao longo do eixo atlántico e o abandono do aproveitamento agrario tradicional. Isto levou a un incremento da superficie de eucalipto cara ao interior, en detrimento do piñeiro, do mato e das superficies agrarias.

No foro Piñeiros 24, vostede moderará a mesa sobre innovación, que novidades espera destacar en relación cos novos usos e produtos complementarios das coníferas?
Na transición cara á bioeconomía, a madeira é unha fonte incrible para obter novos materiais. A xestión dos piñeirais en Galicia tamén ten potencial para xerar produtos como cogomelos e resina. Ademais, a calidade da madeira e a súa clasificación seguirán sendo aspectos importantes a mellorar.

Cre que Galicia está preparada para liderar o uso da madeira de coníferas en grandes proxectos?
Absolutamente. Xa hai proxectos de gran envergadura noutros países que empregan madeira de Galicia. A promoción pública servirá de exemplo e impulsará innovacións locais, propulsando o uso da madeira en construción e mellorando a xestión forestal.

"É crucial diversificar o aproveitamento do monte, profesionalizar a silvicultura, e que os propietarios cooperen"

Como debería adaptarse esa xestión forestal para ser máis resiliente ante desafíos como os incendios e a fragmentación do terreo?
O aumento de superficie forestal no século XX colleunos sen unha memoria forestal forte. É crucial diversificar o aproveitamento do monte, profesionalizar a silvicultura, e fomentar a cooperación entre propietarios. O proxecto Resonate, no que traballamos dende a UVigo, está a comparar a xestión habitual cunha xestión cooperativa. Os resultados suxiren que a xestión agrupada mellora a resiliencia, asegurando existencias constantes, previndo incendios a gran escala e estabilizando os resultados económicos.

Cales son as liñas de investigación no sector forestal galego que poderían transformar a industria?
As liñas clave inclúen a xestión sostible, a resiliencia ao cambio climático e a descarbonización. Ademais, é vital fomentar a sociedade circular sen residuos, con tecnoloxías de produción diversificadas e materiais renovables.

Que papel deben xogar os propietarios e as comunidades de montes na sostibilidade e innovación do sector forestal galego?
En Galicia, a terra pertence á xente, e todas as cadeas de valor da bioeconomía xorden dela. Os propietarios e as comunidades son os actores clave no cambio, pero necesitan o apoio da sociedade, da administración e do sector para mellorar a xestión, ser retribuídos adecuadamente polos produtos que xeran e polos servizos que ofrecen. Sen isto, o sector sempre terá pés de barro.

Comentarios