O presidente en funcións do Principado de Asturias, Javier Fernández, e o xa expresidente de Castela e León, Juan Vicente Herrera, son os dous nomes propostos polo presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, para recibir as Medallas de Ouro de Galicia de 2019.
Tal e como avanzou Feijóo nun vídeo publicado na conta de Twitter da Xunta, os dous mandatarios autonómicos serán propostos na reunión do Consello da próxima semana para colgarse a "máxima distinción" que concede Galicia a "persoas que traballan por Galicia", debido á "defensa dos intereses do noroeste" do Estado.
É bo que os veciños afrontemos xuntos problemas comúns. Juan Vicente Herrera e @javier_asturias fixérono e con eles o Noroeste do que Galicia forma parte fíxose máis forte. Son exemplo da política que pon o interese xeral por riba de todo e Galicia estaralles sempre agradecida https://t.co/CD3G4DDsVX
— Alberto Núñez Feijóo (@FeijooGalicia) 13 de xullo de 2019
"Cos veciños sempre é bo levarse ben, pero ademais de levarse ben, é que estes veciños fixemos a defensa dos intereses do noroeste, perfectamente compatible co conxunto dos intereses de España", aborda o presidente galego.
Neste sentido, Feijóo valora que o fixeron "con razón, con altura de miras, con convicción", porque "o mellor exemplo de política é aquel que antepón os intereses xerais a calquera outro".