Liberan no Porriño ao condutor de VTC secuestrado en Portugal por 4 mozos

Cando os axentes procederon a entrevistarse coa vítima viron que presentaba un hematoma no ollo dereito e un traumatismo cranial
Aplicación de Uber. ÁLEX CRUZ (EFE)
photo_camera Aplicación de Uber. ÁLEX CRUZ (EFE)

Axentes da Policía Local do Porriño liberaron ao chofer portugués dun vehículo de aluguer con condutor (VTC) que levaba secuestrado varios días por catro novos compatriotas seus, un deles menor de idade.

A Policía Local do Porriño detalla nun comunicado que o vehículo foi interceptado nunha céntrica rúa do municipio tras realizar unha manobra "brusca".

Cando os axentes procederon a entrevistarse co condutor viron que presentaba un hematoma no ollo dereito e un traumatismo cranial, e que estaba acompañado por catro mozos.

Entre bágoas, explicou que os mozos contrataran os seus servizos para levalos desde O Porto ata Vigo, para pasar uns días de marcha, pero cando lles dixo que ía regresar a Portugal impedíronllo a golpes.

A declaración do condutor, apunta a Policía Local do Porriño, concuerda cunha denuncia presentada en Portugal por detención ilegal.

Os axentes procederon á detención dos mozos, que tras pasar a disposición xudicial quedaron en liberdade con cargos, e trasladaron ao condutor a un centro de saúde para que fose atendido polas lesións que presentaba

Comentarios