lunes. 06.12.2021 |
El tiempo
lunes. 06.12.2021
El tiempo

Localizada unha muller desaparecida en Asturias grazas a un amigo de Lugo

Comisaría de Lugo. ARCHIVO
Comisaría de Lugo. ARCHIVO
Os axentes negociaron con ela unha forma de auxiliala durante 48 horas e atopárona nunha zona de montaña en León

Axentes do Corpo Nacional de Policía (CNP), adscritos á Comisaría Provincial, lograron localizar "nun punto agreste da montaña de León" unha muller de mediana idade que desaparecera en Asturias, tras manter contacto telefónico con ela durante máis de corenta e oito horas. Segundo informou a propia Policía Nacional, un mozo lucense denunciou en Comisaría que unha amiga súa asturiana, coa que realizara unha ruta de montañismo polos Alpes franceses, chamouno ao seu regreso a España e díxolle que tiña intención de quitarse a vida.

Inmediatamente púxose en marcha o protocolo de procura de desaparecidos por parte da Policía Xudicial de Lugo e, "cos medios técnicos e persoais ao seu alcance", os axentes da Comisaría Provincial lograron localizala o 29 de setembro, pola tarde, "nun punto agreste da montaña de León, de complicada localización".

A Policía Nacional avisou ao cuartel da Garda Civil da zona. Ademais, desde que lograron "manter o primeiro contacto coa desaparecida", os axentes non o perderon "en ningún momento" e, "en horas distintas, tanto de día como de noite, desde o —domingo 29 de setembro— ata o martes día 2 de outubro" mantiveron comunicación telefónica con ela, salvo cando o seu móbil perdía cobertura.

Como non achegaba datos para facilitar a súa localización, os axentes negociaron con ela "unha forma de auxiliala", ata que finalmente conseguiron convencela para que aceptase ser socorrida. Foi localizada, precisa a Comisaría Provincial nun comunicado, "en perfecto estado de saúde", nunha "zona de montaña, escabrosa", onde os servizos especializados neste tipo de terreo "tardaron varias horas en chegar".

Posteriormente, a muller presentouse nas dependencias policiais de Lugo para agradecer aos axentes o traballo realizado para facilitar a súa localización e a "axuda prestada en todo momento".

Localizada unha muller desaparecida en Asturias grazas a un amigo...
Comentarios